martes, abril 23, 2024
InicioNewsO PaísHomenaxe a Xosé Represas, o alcalde de gran sorriso

Homenaxe a Xosé Represas, o alcalde de gran sorriso

Unha mostra de imaxes de Xosé Represas sorrindo recibía onte á noite aos asistentes á súa homenaxe, organizada polo BNG en Ponteareas, tras o seu falecemento por enfermidade o pasado 24 de maio, aos 65 anos.

En practicamente todas as fotografías expostas de Xosé Represas, en distintas situacións da súa vida política, amosaba o seu grande sorriso. E foi precisamente esa, a súa capacidade de transmitir ledicia, entusiasmo e ilusión, unha das moitas virtudes que destacou na súa intervención o actual responsable local do BNG de Ponteareas e ex concelleiro do BNG, Bolívar González, quen visiblemente emocionado cualificou a «Pepe» como compañeiro, amigo e «irmán».
Pola súa banda, Cristina Fernández, alcaldesa de Ponteareas elixida en pleno o 21 de maio despois de que Xosé Represas renunciara ao cargo o 29 de abril por motivos de saúde, lembrou a frase coa que Xosé Represas concluíu o seu escrito de renuncia: «Fixen todo o que puiden» porque, segundo a rexedora, iso foi o que fixo como traballador incansábel que foi. 
Ao acto non faltou a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, quen se dirixiu a familia de Xosé Represas, presente no acto, para transmitirlle tamén a «ausencia» que sinte a súa familia política pola súa perda. Pontón cualificou a Represas como un home «leal, dialogante e próximo, un home irrepetible, honesto e humilde», «un home que escoita e resolve»,  «un referente para a histórica da política municipal». 
A homenaxe pechouse coa proxección do documental Xosé Represas, soñar o imposible, no que se narra a vida do primeiro alcalde nacionalista de Ponteareas. Relata en imaxes a súa nenez na parroquia de Xinzo, o seu crecemento como estudante bolseiro, o seu primeiro traballo nunha fábrica de pensos, os seus primeiros pasos políticos, a súa determinante presenza en colectivos como a Comunidade de Montes de Xinzo ou a Asociación Forestal de Galicia, así como a súa traxectoria no BNG até converterse en alcalde en 2015. Entre as anécdotas do documental destaca a súa labor de repartir clandestinamente o xornal A voz do Condado no seu coche, un dous cabalos, pola comarca.
O acto de homenaxe, que encheu o patio cuberto do CEIP Nosa Señora dos Remedios, contou coa actuación de Son da Rúa, Voces de Arrieiro e compoñentes de varios grupos de gaitas de Ponteareas. Tamén se encheu de emotividade con dúas intervencións políticas.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES