jueves, abril 25, 2024
InicioNewsO PaísFeijóo enxalza o labor da comunidade educativa para afrontar o curso "máis...

Feijóo enxalza o labor da comunidade educativa para afrontar o curso «máis difícil da historia»

O titular da Xunta presidiu esta mañá o acto inaugural da XIII xornada dos Clubs de Lectura, onde entregou o premio Club de Lectura 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou e agradeceu hoxe o labor de toda a comunidade educativa para afrontar un curso inédito e excepcional, “o máis difícil da nosa historia”, aseverou, en relación á covid-19.

“Grazas aos profesores, ao persoal non docente, aos alumnos e ás familias”, precisou, salientando que nun inicio de curso moi complexo, todos os centros educativos galegos estiveron á altura do reto, mantendo a presencialidade desde o primeiro día ata o final, salvo no caso dalgún gromo nalgunha aula concreta.

Durante o acto inaugural da XIII xornada dos Clubs de Lectura, onde entregou o premio Club de Lectura 2021 á escritora Eva Mejuto, Feijóo quixo resaltar tamén o compromiso da Xunta con este obxectivo, a través dunha importante partida económica de máis de 162 millóns de euros adicionais para, entre moitas outras accións, reforzar o servizo de limpeza e de comedor, prover de máscaras hixiénicas e ampliar a partida de gastos de funcionamento dos centros escolares públicos para afrontar as medidas contra a covid.

Así mesmo, referiuse á posta en marcha dun Plan de ensino virtual que permitise continuar as clases a distancia se a pandemia o esixía e que se demostrou especialmente útil nas ensinanzas de réxime especial -conservatorios e escolas de idiomas- con 35.000 persoas conectadas. 

“E seguiremos traballando e desenvolvendo no próximo curso novas actuacións”, dixo, destacando o Plan Recupera, unha estratexia para blindar a calidade e equidade do sistema, a través do reforzo das aprendizaxes afectadas pola pandemia, “e que contarán con profesorado específico”; ou o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, unha iniciativa pioneira que busca reforzar o novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, “onde os espazos terán moito que ver para mellorar a calidade das aulas”.

Potenciar as bibliotecas como espazos de encontro de cultura e coñecemento

Ao longo da súa intervención, resaltou ademais o esforzo e a implicación dos docentes para potenciar os Clubs de Lectura, conseguindo que, a pesar da covid, participasen 233 centros educativos e 10.100 alumnos, artellando diversas alternativas presenciais e en liña.

Logo de poñer en valor esta actividade que potencia o carácter socializador e o pensamento crítico do alumno, Feijóo garantiu o apoio da Xunta á promoción desta actividade. E concluíu recordando que o Goberno galego leva anos reforzando o papel das bibliotecas nos centros de ensino, co fin de convertelas en espazos de encontro cultural e de coñecemento, abertos aos novos retos da sociedade como a tecnoloxía ou a ciencia.

Deste xeito, entre as ferramentas para logralo, referiuse ao Plan Lía que, neste 2021, contará con orzamento de tres millóns de euros, co obxectivo de seguir desenvolvendo iniciativas para converter as bibliotecas en espazos de convivencia, onde impulsar a iniciación do alumnado en áreas como a robótica ou a programación, así como a creación de laboratorios radiofónicos. 

Cómpre salientar que, desde a posta en marcha deste programa en 2010, multiplicouse por catro a frecuencia de visitas á biblioteca: o 87% dos nenos de primaria recoñece que vai a biblioteca polo menos unha vez por semana, e a porcentaxe entre os alumnos de secundaria é do 50%.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES