Con non máis de 9 casos por cada 100.000 habitantes, As Neves deixa de ser un dos municipios libres de COVID-19, segundo Sanidade

O SERGAS sitúa ao concello das Neves na incidencia superior aos 25 contaxios por cada 100.000 habitantes nunha semana ao diagnosticar entre un e 9 casos en COVID-19 entre a veciñanza deste municipio do Condado.Deixa de ser, polo tanto, unha das localidades nas que non circula o virus. No conxunto do mes de marzo, a COVID-19 non tivo pesenza no concello.

Supera os 75 casos por cada 100.000 habitantes en 7 días Salvaterra de Miño nesta última actualización logo de que na anterior xornada non se achegaba a esta cifra. Deste xeito, xunto co concello de Gondomar, son os dous que presentan a peor situación epidmiolóxica da bisbarra en canto aos novos positivos diagnosticados polo SERGAS nunha semana.

Noutra marxe atópanse, por unha banda, O Rosal, Arbo, Pazos de Borbén e Mondariz que non contabilizan positivos entre os seus veciños e veciñas nunha semana aínda que si a 14 días polo que non é posible, aínda, incluílos na listaxe dos municipios que están libres de COVID-19. Nesta listaxe atópanse Salceda de Caselas, O Covelo, Fornelos de Montes e Mondariz-Balneario posto que estes municipios non teñen casos nin nunha semana nin en dúas.

Manteñen a presión do virus con non maís de 75 casos por cada 100.000 habitantes, Oia, Crecente, A Cañiza, Soutomaior, Vigo, Nigrán, Baiona, O Porriño e Mos e con menos de 25 contaxios por 100.000 habitantes, A Guarda, Tomiño, Tui, Redondela e Ponteareas.

Falece unha persoa por mor da COVID-19 na Área na fin de semana

Sanidade vén de notificar o falecemento dun home de 88 anos no Vithas Fátima de Vigo o día 3 de abril polo que son xa 418 persoas as que perderon a vida por mor do virus na Área Sanitaria de Vigo dende o inicio da pandemia. Con respecto a onte, son 21 positivos máis ata os 598 casos activos. Descende a presión hospitalaria en 11 persoas menos ingresadas polo que son 37 en camas convencionais e 8 na UCI.

 

¿E ti, es de Tweet?