O obxectivo é reordenar e completar o viario municipal e abrir a rúa Galicia, que suporá un investimento autonómico de 500.000€.

O Consello da Xunta autorizou hoxe o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Salvaterra de Miño da totalidade das vías autonómicas PO-420 (Taboexa-Vilacova), PO-430, que vai a Leirado, a PO-432 (Salvaterra-Río Miño) e a PO-433, que vai a Cabreira.

Neste acordo inclúese, ademais, a transferencia, na súa totalidade, de varios treitos antigos das estradas da Xunta PO-403, PO-404, PO-409 e da PO-420.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Salvaterra de Miño asinaron un convenio de colaboración para reordenar e completar o viario municipal e abrir a rúa Galicia. Co fin de acadar un funcionamento da rede viaria máis acorde ás necesidades do municipio debe materializarse a transferencia das citadas estradas, así como do seu dominio público viario asociado.

Neste convenio, a Xunta asume a financiación íntegra desta actuación que mellorará as conexións na vila e a mobilidade dos veciños, grazas a un investimento autonómico de 500.000 euros.

Pola súa banda, o Concello de Salvaterra de Miño comprométese a aceptar a titularidade de varios treitos de estradas autonómicas. A entidade local asumiu tamén a realización dos trámites expropiatorios, a redacción do proxecto, e a contratación e execución das obras.

A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade aprobado hoxe polo Consello da Xunta, o Concello terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

¿E ti, es de Tweet?

O que máis leeron