martes, abril 16, 2024
InicioComarcasLouriñaO rural porriñés recibe máis de 9 millóns no último ano

O rural porriñés recibe máis de 9 millóns no último ano

É a suma dos proxectos en execución e adxudicados polo Concello nas distintas parroquias do Porriño.

O Concello do Porriño presentou un balance das inversións nas parroquias durante o último ano. O compromiso do executivo que preside Alejandro Lorenzo co rural do municipio tradúcese en 8.490.425 euros destinados a mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños do rural. Montante ao que habería que sumar 1 millón de euros máis concedido pola Xunta de Galicia que se destinarán á rehabilitación dos polígonos residenciais de Torneiros. En total unha inversión de máis de 9 millóns de euros a investir nas sete parroquias do municipio que se financiarán con fondos municipais, do Consorcio de Augas do Louro e subvencións conseguidas da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

“Non se pode entender O Porriño sen as súas parroquias”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo. “Por iso traballamos para que o noso rural, que ten un peso importante no Porriño xa que representan preto do 60% da poboación, dispoña de todos os servizos e teña unha mellor calidade de vida”.

As actuacións de acometida da rede de saneamento, o asfaltado de viais e a posta en valor espazos públicos aglutinan as maior parte dos proxectos, todos eles en execución ou xa adxudicados.

No que resepcta ao saneamento destacan as melloras e ampliación da rede en A Droza (Cans), Torrón (Mosende), Rebouza/Covelo (Atios) O Casal (Budiño), Mosteiro (Budiño), O Picouzo (Budiño), Outeiro/ A Igrex (Pontellas), Madorras (Pontellas), As Cales (Chenlo), Cantoña (Mosende), Arrotea/Vitureira (Budiño), Cerquido (Budiño), Abelenda (Pontellas) e Filgueira (Pontellas). En total foron máis de 2,3 millóns de euros.

En canto ao asfaltado de viais públicos salientar as actuacións na Buraca (Cans), A Pereira (Torneiros), Madorras (Pontellas), Carrola (Atios), Vitureira (Budiño), A Forna (Budiño), A Relva (Torneiros), Parada (Chenlo), Abelenda (Pontellas), A Rocha (Atios), Vilafría (Atios), Pontenova/A Guía (Atios), O Corzón (Pontellas), A Louriña/A Cochilra/Cadaval/Cavadiña (Mosende), Ribeira/Noval (Torneiros), Cavadiña/ Levada (Mosende), Quintenla (Pontellas), Adroza (Cans), Roupeiro/As Cavadas (Cans) e O Noval (Torneiros). A tal fin destínanse 1,8 millóns de euros.

Completan as inversións as melloras en parques infantís, a pavimentación da explanada da igrexa de Budiño, restauración do Lavadoiro de Pousadela en Pontellas, a mellora do Centro Cultural Alba en Torneiros, a construción dunha glorieta no polígono industrial de a Granxa ou a reforma do Lavadoiro e Fonte do Contrasto, entre outras intervencións en espazos públicos das parroquias.

O rexedor indicou que “estamos a seguir unha planificación que nos permita avanzar no moito que aínda queda por facer, poder dar pasos de maneira eficaz, co maior aproveitamento dos recursos dos que dispoñemos e tamén coa financiación a través doutras administracións”.

Neste sentido, Lorenzo concluíu destacando que “temos varios proxectos xa en redacción que ampliarán esta intervención nas parroquias con especial énfase na acometida da rede de saneamento e no acondicionamento de viais públicos, que son cuestións prioritarias para a veciñanza”. Refírese o alcalde aos proxectos nos que se traballa xa para levar a cabo as obras a acometida do saneamento no Carbón (Atios), Casal (Budiño), Eiriz (Budiño), O Casal (Cans), Madorras-Cavadiñas (Mosende), Benunes (Budiño), ou ás melloras nos centros culturais de A Cruz e Mosteiro (Budiño) e ampliación do Centro Cultural de Mosende.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES