jueves, marzo 28, 2024
InicioComarcasLouriñaMos renova a cuberta do Pavillón Óscar Pereiro

Mos renova a cuberta do Pavillón Óscar Pereiro

O Concello inviste nesta actuación preto de 50.000 euros

Iniciouse a obra de reforma do tellado do Pavillón Municipal Óscar Pereiro, na parte que cubre a zona central, onde se atopan os vestiarios. O prazo de execución dos traballos de substitución do material de cubrición é de dúas semanas e contan cun orzamento de 48.308,64 euros integramente financiados con fondos propios municipais.

Os traballos actuais na cuberta da zona central (onde se atopan os vestiarios) solucionan filtracións por deterioro da chapa e nas canles. Como existe unha instalación de paneis solares foi necesario retiralos para posteriormente volver colocalos, unha vez finalizados os labores. A actual chapa da cuberta será substituída por unha estrutura en aceiro galvanizado e vigetas pretensadas de formigón para a colocación dun novo panel de 30 mm de espesor. Realizaranse novas canles e baixantes para a evacuación das augas e instalarase tamén no patio existente unha cuberta translúcida.

Así o informaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Deportes, José Areal, que fixeron un repaso de todas as melloras acometidas na infraestrutura deportiva durante a presente lexislatura consistentes no cambio de cuberta na parte da pista do pavillón, a substitución do parqué da pista deportiva e a reforma dos vestiarios, entre outras. Tamén se realizou o encintado do vaso da piscina e selado dos azulexos. A obra de mellora do firme da pista de xogo do Pavillón Óscar Pereiro consistiu na fixación das táboas do parqué, pulido e barnizado das mesmas, así como posterior marcado e pintado das diferentes liñas que delimitan os terreos de xogo para os distintos deportes que alí se practican.

Neste senso os representantes municipais, Arévalo e Areal, destacaron que “durante toda a presente lexislatura priorizamos o mantemento e mellora integral das instalacións do Pavillón Óscar Pereiro, ao tratarse da maior e principal infraestrutura deportiva do Concello, que ten xa unha antigüidade de máis de 20 anos, co conseguinte e envellecemento provocado polo paso dos anos”

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES