As persoas interesadas poden presentar as súas propostas por rexistro

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Participación Cidadá, Sara Cebreiro, informaron esta mañá de que onte abriuse o prazo de presentación de propostas para a letra do himno oficial do Concello de Mos, que permanecerá aberto durante 60 días a contar dende o 20 de xaneiro de 2022.

Mos conta cun himno municipal propio, a Alborada CAMIÑO DA ROSA, do gaiteiro e compositor Xulio Lorenzo (aprobado en pleno con data 18 de decembro de 2017), e agora, co obxectivo de que este himno conte ademais cunha letra que o diferencie do resto dos municipios, iníciase este procedemento.

Deste xeito redactáronse as bases que rexen a presentación de propostas para a posterior elección da letra para o himno de Mos, que foron aprobadas en pleno pola maioría de membros da corporación municipal o pasado mes de decembro. De igual xeito, a letra do himno deberá ser aprobada en pleno.

O himno será presentado oficialmente o 13 de xuño de 2022, Día da Rosa

Os participantes deberán ser os lexítimos titulares dos dereitos da letra e estar dispostos a cederllos ao Concello de Mos.

Características das propostas

Pode presentar proposta calquera veciño, veciña ou colectivo (asociación veciñal, social, cultural, escola, grupo, centro educativo... ) de Mos ou doutro lugar. A letra terá que ser en galego. A letra deberá ser acorde á historia, ás tradicións e costumes do lugar e á paisaxe do municipio de Mos. Deberá ser unha letra inédita do/a propio/a escritor/a ou compositor/a.

Serán valoradas todas as propostas presentadas no Rexistro Xeral municipal dende o día seguinte á publicación no BOP e por un prazo de 60 días naturais. O horario do rexistro é de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas, podendo tamén presentarse por rexistro electrónico.
Toda a información ao respecto pode consultarse na web do Concello de Mos na seguinte ligazón:
https://www.mos.es/presentacion-de-propostas-para-a-letra-do-himno-oficial-do-concello-de-mos/

Valoración das propostas

A valoración das propostas realizarase entre un xurado profesional (50 % da puntuación) que constituirá unha mesa de traballo, a corporación municipal (25% da puntuación) que tamén constituirá unha mesa de traballo formada por cada un dos voceiros de cada partido político e un xurado popular (25% da puntuación).

Como membros do xurado popular poderán votar todas aquelas persoas que o desexen. Só será contabilizado un voto por persoa e unicamente poderase votar a través da aplicación específica "A letra do noso himno" creada para tal fin, e que estará vencellada única e exclusivamente á web municipal.
Unha vez sexa elixido o himno, será levado a pleno para a súa aprobación e será o secretario municipal o encargado de iniciar os trámites necesarios sobre este asunto indicando a lexislación aplicable e o procedemento posterior a seguir.

¿E ti, es de Tweet?