sábado, abril 20, 2024
InicioComarcasLouriñaA UNED inaugura a súa aula no Porriño con máis 150 estudantes

A UNED inaugura a súa aula no Porriño con máis 150 estudantes

Representantes do tecido empresarial e comercial do Porriño coñeceron polo miúdo a oferta formativa da Universidade Nacional a Distancia no municipio e as posibilidades que esta ofrece neste eido

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polo director da UNED de Pontevedra, Víctor Manuel González e a concelleira de Educación, Carolina González, inauguraron hoxe oficialmente as instalacións da Universidade Nacional de Educación a Distancia no Porriño, nunha xornada de difusión da súa proposta formativa na que tamén estiveron presentes o subdirector da UNED de Pontevedra, Alfonso Vázquez, e o seu Coordinador de Extensión Universitaria, Rafael Cotelo.

Esta aula, con sede no Multicentro de Torneiros onde dispón de seis salas que aglutinan todos os servizos, comezou a súa actividade o pasado mes de outubro cunha ampla oferta de cursos de extensión universitaria nos que xa se matricularon máis de 150 estudantes.

Neste curso 2022/23 impartiranse tamén o curso de Protocolo na Administración Local, UNED Senior, Gastronomía, cultura e turismo, Lingua de signos española Nivel I, Inglés nivel I, Introdución ao protocolo empresarial e o Programa de reforzo educativo para a obtención da ESO.

O director da UNED Pontevedra, Victor González quixo en primeiro lugar “felicitar e agradecer ao Porriño e á súa corporación por culminar este proxecto tan bonito nun tempo récord e por cumprir con todo o comprometido”. González destacou que a UNED Pontevedra xurdiu hai 50 anos, foi crecendo e a día de hoxe “O Porriño xa é parte dela”. O director da UNED Pontevedra asumiu o compromiso de valorar a implantación de grados na aula do Porriño, algo demandado dende o Concello, e explicou que “a nosa vocación e o noso mandato é responder ao que as persoas, as empresas e a sociedade en xeral necesite. Somos unha universidade tremendamente áxil e aberta”.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo reafirmou “o compromiso do Concello co sostemento e financiamento do centro da UNED no Porriño” xa que apuntou “desenvolve un importante labor no eido cultural, social e empresarial do municipio”. O rexedor puxo en valor o carácter “vertebrador da UNED, que facilita o acceso ao ensino universitario e achega a educación superior á veciñanza de fóra das grandes cidades. Eu creo firmemente nunha educación pública e de calidade, e contar con esta aula no Porriño contribúe a facelo posible”. Destacou tamén a ferramenta que supón para “as máis de 2.000 empresas que temos no Porriño ás que convido a participar da traxectoria da UNED de cara a cualificar aos profesionais nas áreas que se precisen”.

Por último, Rafael Cotelo, Coordinación de extensión universitaria da UNED Pontevedra afirmou que “hoxe é un día importante para a UNED” e tendeu a man aos representantes do tecido empresarial e comercial do Porriño presentes no acto para traballar xuntos. “Temos no Porriño un tecido empresarial moi importante que queremos participar e potenciar. Somos unha ferramenta ao voso servizo”, concluíu.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES