viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasLouriñaA cativada do Porriño descobre a maxia da visión

A cativada do Porriño descobre a maxia da visión

A optometrista Laura Alonso imparte estes días nos centros de Educación Primaria os obradoiros de divulgación, experimentación e prevención visual organizados polo Concello

Máis de 150 escolares dps colexios do Porriño participan estes días nos obradoiros de divulgación, experimentación e prevención visual impulsados polo Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación, que dirixe Carolina González.
Baixo o nome “A maxia da visión”, as/os máis pequenas/os levan a cabo diferentes dinámicas de xogo nas que descubrirán a súa capacidade visual para entender o mundo que os rodea e ao mesmo tempo unha profesional observará se algún deles presenta algunha interferencia durante a actividade.
Aprenderán sobre o sentido da vista, participarán en xogos de visualización onde explorarán a relación das canles visual e táctil, coñecerán a predominancia visual motora e sensorial, descubrirán a coordinación binocular e a visión 3D ou estereoscópica que nos permite entender o mundo tridimensional e adestrarán a eficacia oculomotora.
“A finalidade é que coñezan un pouco máis polo miúdo e a un nivel comprensible para eles, o proceso visual”, explicou a concelleira. “E tamén detectar se hai algún posible problema de visión en algún deles”.
A responsable de impartir o obradoiro é a optometrista Laura Alonso Coto, especializada en optometría clínica, pediátrica e terapia visual, así como con diversas formacións no ámbito do neurodesenvolvemento, a neuroloxía e a fisioloxía do sistema visual. Ademais é docente para entidades profesionais como a Asociación Española de Ópticos –Optometristas, onde imparte actualmente cursos para outras/os compañeiras/os de profesión sobre a implicación do sistema visual na aprendizaxe

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES