sábado, abril 20, 2024
InicioComarcasLouriña"Galicia Sport 360 creará emprego e converteranos nun referente internacional"

«Galicia Sport 360 creará emprego e converteranos nun referente internacional»

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, manifestou a súa satisfacción pola aprobación inicial por parte do Consello da Xunta de Galicia do trámite para declarar o proxecto de interese autonómico

O Consello da Xunta aprobou o pasado xoves iniciar o trámite para declarar de interese autonómico a Factoría do Deporte Galego Sport 360 do RC Celta en Mos, coa previsión de que o expediente terminará de tramitarse o próximo verán. Así o informaba o propio presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, insistindo en que é unha inversión estratéxica para o futuro de Galicia.
A este respecto pronunciouse a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que celebra a noticia como un acontecemento polo que “Mos se atopa de en hora boa”. Arévalo sempre manifestou que “o noso goberno apoia o proxecto ‘Galicia Sport 360’ do Celta porque creará emprego e converteranos nun referente deportivo internacional”.
O Celta dará continuidade con ‘Galicia Sport 360’ á Cidade Deportiva Afouteza en Pereiras. Tratarase da futura Factoría do Deporte Galego, un espazo estratéxico de interese autonómico e referente internacional, que incluirá Universidade do Deporte e no que o club prevé investir 93 millóns de euros.
Este novo proxecto converterase na Factoría do Deporte Galego, tratándose dun centro integral para a capacitación da industria do deporte, cun centro de tecnificación avanzada para o desenvolvemento das novas tecnoloxías e a súa aplicación ao mundo do deporte. Un centro que albergará ademais a Universidade do Deporte.
Sobre esta noticia a rexedora local destacou “a gran transformación e o ‘boom’ en materia de novas dotacións e equipamentos que vai supoñer esta nova infraestrutura deportiva estratéxica e referente internacional”.
Así mesmo Arévalo salientou as características deste novo proxecto céltico “que contará cunhas instalacións de 299.000 metros cadrados de superficie e no que o club fará un investimento de 93 millóns de euros. Ao tempo que creará emprego no municipio con 200 novos postos de traballo”.
Deste xeito, a Cidade Deportiva Afouteza continuará crecendo con esta Factoría do Deporte Galego-Galicia Sport 360 que contará con campos de fútbol de herba natural e artificial, instalacións para os equipos de categorías profesionais e para a canteira, instalacións para a práctica doutros deportes, centro de ocio deportivo temático aberto ao conxunto da sociedade e residencia deportiva para a canteira e concentracións do primeiro equipo, así como para os programas de formación intensivos.
O Centro de Tecnificación Avanzado para o Deporte contará cunha superficie edificable de aproximadamente 98.000 metros cadrados repartida en tres edificios que albergarán: Universidade do deporte, centros de ciclos formativos de Grado Superior vinculados á medicina e o mundo deportivo e centro de alto rendemento médico. Tamén Centro Tecnolóxico da Innovación no deporte. Centro Demostrador de Tecnoloxía. Lobby empresarial do deporte e Club de inversores. E centro de eventos e conferencias.
A área de servizos contará cunha serie de servizos para o afeccionado, clubs visitantes, etc. Como o Edificio Arena, para eventos deportivos, con capacidade para ata 10.000 espectadores. Servizos de restauración, ocio deportivo e tendas de merchandising complementarios. E hotel para diferentes programas deportivos desenvoltos no complexo. Ademais o proxecto inclúe áreas de aparcamento con capacidade para uns 2.500 vehículos e espazos libres naturais

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES