viernes, abril 19, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoA Guarda conta cunha nova área de descanso para peregrinos

A Guarda conta cunha nova área de descanso para peregrinos

Na súa aposta polo embelecemento e mellora dos servizos no Camiño de Santiago, a Xunta acaba de inaugurar esta nova área de descanso para peregrino no Camiño Portugués da Costa.

A directora de Turismo, Nava Castro, inaugurou onte este área e subliñou a importancia destas pequenas intervencións tanto polo seu impacto visual como pola mellora da experiencia do peregrino. “Levamos moito tempo traballando para que o Camiño estea preparado para recibir aos peregrinos en canto as condicións sanitarias o permitan”, asegurou, ao tempo que fixo fincapé na mellora paisaxística como un dos grandes piares de actuación no Camiño de Santiago.

Trátase dunha acción que se levou adiante en terreos mancomunados da veciñanza do municipio, algo que Nava Castro puxo en valor no acto, no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta, Luis López, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e o representante da Xunta Veciñal dos montes mancomunados, Manuel Castro.

A nova área de descanso ocupa un espazo de preto de 1,8 quilómetros cadrados nos que se colocou unha zona axardinada con árbores, mesas e bancos nunha actuación que contou cunha subvención de 10.000 euros. Esta área de descanso, precisamente, beneficiouse da liña de axudas da Xunta para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago, á que a Xunta destinou o ano pasado 1,2 millóns.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES