Soutomaior sitúase con menos de 75 contaxios por cada 100.000 habitantes e Vigo presenta a segunda incidencia máis baixa que contempla Sanidade.

Segundo a última actualización de Sanidade, Soutomaior presenta unha incidencia entre os 25 e os 75 contaxios por cada 100.000 habitantes nunha semana e a presenza da COVID-19 descende entre a veciñanza de Vigo. A Baiona volven os contaxios e a Área Sanitaria de Vigo, no seu conxunto, baixa dos 400 casos activos.

Soutomaior comparte agora incidencia con Tomiño, Gondomar, Pazos de Borbén e Redondela. Ningún deles supera o abano dos 1-9 casos en COVID-19 nunha semana e a súa incidencia é de menos de 75 positivos por 100.000 habitantes.

Os contaxios volven ao municipio de Baiona logo de que, na anterior actualización, Sanidade situarao libre do virus en 7 días mais presenta a segunda incidencia máis baixa que contempla o SERGAS xunto con Tui, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Mos e, dende esta última actualización, Vigo. Só a cidade olívica supera o abano dos 1-9 casos con 72, é dicir, seis menos que onte. 

O Rosal, Arbo e Mondariz continúan sen casos diagnosticados nunha semana mais presentan contaxios coa perspectiva de dúas polo que aínda non é posible incluílos na listaxe dos concellos libres do virus como si o están A Cañiza, Covelo, A Guarda, Oia, As Neves, Crecente, Fornelos de Montes e Mondariz-Balneario.

Así todo, a Área Sanitaria de Vigo baixa dos 400 casos activos logo de que no inicio do mes de maio superara os 800. Deste xeito, son 386 veciños e veciñas da área coa COVID-19, isto é, 30 menos que onte. A presión hospitalaria baixa nas UCI cun paciente menos ingresado e aumenta en dous máis nas camas convencionais ata as 6.

 

 

 

 

¿E ti, es de Tweet?