Redondela, pola súa banda, continúa no mesmo nivel medio de limitacións.

O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na pandemia da COVID-19 decidiu elevar ao nivel medio de restricións a catro municipios da bisbarra: A Guarda, Mos, Porriño e Tui. Así, a partir do sábado 24 de xullo o sector da hostalería e da restauración terá novos aforamentos á hora de atender á clientela tanto fóra como dentro dos locais.

Segundo explicou este mércores o presdiente galego, Alberto Núñez Feijóo, actualízanse os aforamentos da hostalería e no caso do nivel medio, quedan repartidos entre o 50% no interior dos locais e á metade da capacidade nas terrazas. Non é preciso presentar ningún tipo de certificado sanitario COVID para acceder aos locais , como si ocorre nos nivel máximo e no alto.

En canto aos locais de ocio nocturno, Feijóo subliñou que, como xa estaba previsto, deberán permanecer pechados nos niveis máximo e alto, podendo ocuparse o 50% do aforo no interior nos niveis medio e medio-baixo e quedando o 75% en terraza no medio e ao 100% no medio-baixo, sempre acreditando proba negativa nas últimas 72 horas ou estar vacinado.

Sobre este punto, recordou que ademais seguirá sendo obrigatorio a instalación dun medidor de CO2; contar cun rexistro de clientes; o uso de máscaras e a distancia de seguridade; e o peche manterase na unha da mañá para a hostalería e nas tres para os locais do ocio nocturno.

Os catro concellos da bisbarra compartirán o nivel medio de restricións con outros concellos galegos: Beariz, Entrimo, Boborás, Maceda, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao, Ribadavia, Vilamartin de Valdeorras, Sarria, Mondoñedo, Lugo, Vilalba, A Coruña, Culleredo, Cambre, Sada, Ames, Muros, Noia, Oroso, Santiago, Silleda, Teo, Pontecesures, Fene, Ferrol, Mugardos, Meis, Ribadumia, Caldas de Reis, Bueu, Ponte Caldelas e Moaña

En relación ás reunións, o presidente do Goberno galego destacou a solicitude ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia da autorización para esixir o control nas xuntanzas, de xeito que se permitirán as reunións de non conviventes de máximo 6 persoas en interiores e 10 en exteriores, ou ben dous grupos de convivencia.

“Queremos evitar as reunións multitudinarias sen garantías que están tras un gran número de contaxios”, afirmou, precisando que as reunións de non conviventes estarán prohibidas entre a unha e as seis da mañá no nivel máximo e alto e entre as tres e as seis para os niveis medio e medio-baixo.

Ao longo da rolda de prensa, o titular da Xunta recordou que as medidas que limitan dereitos fundamentais deben ser trasladadas para a súa ratificación ao TSXG, “polo que haberá que esperar a coñecer o seu posicionamento para que entren en vigor”, matizou, se ben subliñou que si entrarán en vigor o próximo sábado o resto das medidas relativas a aforos nos establecementos.

 

¿E ti, es de Tweet?

O que máis leeron