Un concello privilexiado situado no val da Louriña, xa que conta cos servizos que ofrecen as grandes cidades e coa tranquilidade que proporciona vivir afastado do estrés destas

A ruta Xacobea é sen dúbida un dos atractivos turísticos deste municipio. O Camiño de Santiago na súa vertente portuguesa entra no Concello de Mos a través das inmediacións da capela da Nosa Señora das Angustias. Dous quilómetros ao Norte, atravésase a N-550. A continuación, atópase a Capela de Santa Marta, na parroquia de Mos. O lugar dispón dunha gran bancada na parte traseira onde invita ao peregrino a sentar uns intres á sombra das árbores. A seguinte gran parada é o Pazo dos Marqueses de Mos, cuxa contorna se completa ca igrexa parroquial de Santa Eulalia, un cruceiro, unha fonte e o edificio coñecido por “casa branca” que actualmente funciona coma albergue de peregrinos. Deixando o Pazo dos Marqueses de Mos, empréndese a subida á rúa dos Cabaleiros, onde se atopa un cruceiro. Por Enxertade, co val ao nacente, chégase xa en lixeiro ascenso á carballeira e capela de Santiaguiño de Antas, e, pasando ante o miliario romano de Mos, atravésase a meseta do Chan de Pipas.
concello de mos igrexaOutros exemplos de patrimonio cultural en Mos son a vintena de igrexas e capelas distribuídas nas súas dez parroquias, algunhas delas de estilo románico como son a de San Salvador en Louredo, SantaMaría de Guizán e Santiago de Sanguiñeda; tampouco faltan os muíños, cheos de historia e que protagonizan un dos sendeiros de gran percorrido, que se completa con outras dúas rutas, a do Monte Salgueirón e a dos Dolmens; e o propio Pazo de Mos que data do século XVII. O edificio era a residencia dos Marqueses de Mos ata que foi pasto do lume e destruído polas tropas franceses nos primeiros anos do século XIX, na década dos setenta do século pasado a propiedade, a finca e o Pazo, foi adquirida pola empresa Industrias Frigoríficas del Louro que construíu un criadeiro de gando vacún e principios dos anos 80 a propiedade cambiou, quedando en mans do Grupo Coren, empresa que cedeu a propiedade das ruínas do Pazo á veciñanza. Actualmente, esta construción en tres alturas e un ático no andar este, unha superficie de aproximadamente 1.160 metros cadrados, é a sede da Fundación Pazo de Mos e do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos.
Por outra banda, como exemplo de patrimonio arqueolóxico atopámonos o Castro de Torroso, que ocupa un lugar privilexiado na xeografía que a modo de anfiteatro ábrese cara ao sur, protexido polo leste polos Montes do Galleiro e polo oeste pola Serra do Galiñeiro.
pazo de mosE como en toda localidade galega, en Mos tampouco faltan as festividades e celebracións. A máis grande a da Rosa, a festa oficial do Concello. Conmemórase sempre o 13 de xuño e xurdiu no ano 1973 para enxalzar a Rosa dos Quirós, marqueses dos que se herdou o emblema presente no escudo do Concello. A esta súmanse outras como a da Prehistoria e o Arde o Pazo ou citas gastronómicas como a do Codillo ou a recente dos Callos.

logo concello mos copia