Galicia rexistrou un descenso do 34 % na media anual de mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas desde 2020 en comparación cos nove anos anteriores. Entre 2020 e 2025 contabilizáronse 15 vítimas mortais por violencia de xénero na comunidade, fronte ás 34 rexistradas entre 2011 e 2019.
Os datos reflicten unha evolución favorable das cifras nos últimos anos, cunha media que pasou de 3,8 mulleres asasinadas ao ano no período 2011-2019 a 2,5 entre 2020 e 2025. A pesar da mellora dos datos medios, estes non implica unha evolución lineal, xa que os rexistros experimentaron importantes oscilacións ao longo deste tempo.
O ano 2020 pechouse con catro vítimas mortais en Galicia. A partir de aí, as cifras diminuíron notablemente: en 2021 foi asasinada unha muller e en 2022 non se rexistrou ningún caso na comunidade. Porén, a tendencia volveu cambiar nos exercicios seguintes, con tres vítimas en 2023 e cinco en 2024. No último ano contabilizado, 2025, a cifra situouse en dúas mulleres.
2015, o ano con máis vítimas
Ampliando a perspectiva ata 2011, Galicia suma un total de 49 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas nos últimos quince anos. O ano 2015 foi o máis tráxico dos datos analizados, cun total de sete vítimas mortais. A estas cifras, séguenlle os anos 2014 e 2024, ambos os dous con cinco asasinatos.
No polo contrario sitúase o ano 2022, o único exercicio no que non se contabilizaron vítimas mortais por violencia de xénero neste ámbito. Tamén destacan 2017 e 2021, con dúas e unha muller asasinada, respectivamente.

