O Concello da Caniza estivo presente en Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico celebrado este mes en Ourense, co obxectivo de promocionar a súa gastronomía e o seu turismo.
O Concello aproveitou a súa presenza en Xantar para amosar a riqueza e diversidade dos produtos locais, así como os recursos turísticos que ofrece o territorio, sendo un dos pratos fortes a Feira do Xamón.
As persoas que se achegaron ao stand da Caniza tiveron a oportunidade de degustar unha ampla selección de produtos do municipio: o tradicional xamón e embutidos da zona, os queixos de «Castro Xaneiro», o pan do “Pandereta”, o mel dos apicultores Inocencio López, Antonio Sendín, Rogelio Rodríguez e Andrés Troita, e os viños «Eido da Fonte» e «Abelán». A oferta completouse coa participación da marca canicense de caracois preparados «ComeCois» e das marmeladas tradicionais «A Raposeira».
O alcalde do municipio, Luis Piña, agradeceu a “implicación de todos os colaboradores que fixeron posible que o espazo da Caniza fose un dos máis visitados”. Tamén tivo palabras especiais para os responsables do stand «Pan de Cea», cos que “levamos anos mantendo unha relación de amizade e cooperación, compartindo iniciativas sempre que temos ocasión de coincidir en feiras e eventos”.
A promoción municipal foi máis alá da gastronomía e incluíu tamén os principais atractivos paisaxísticos da Caniza. Deuse a coñecer a rede de rutas de sendeirismo que percorren o municipio: a PRG-206 de Fontefría, a PRG-207 da Cidade Castrexa das Grades, a PRG-272 do río Ribadil, a ruta de Luneda e a PRG-165 das Fragas e Levadas do Calvo e Deva así como o Miradoiro do Monte Lapido.
Tamén por primeira vez se promocionou en Xantar o Miradoiro do Montouto, recentemente acreditado pola Fundación Starlight como Parque Estelar, o primeiro de Galicia en obter esta distinción. Este recoñecemento, acadado o pasado 10 de agosto, incorpora A Caniza a unha rede internacional de espazos dedicados á observación e divulgación astronómica, abrindo novas oportunidades para o desenvolvemento do astroturismo.

