Tui vénd e celebrar un pleno infantil que contou coa participación de sete centros educativos do municipio: os CEIPs de Caldelas, Pazos de Reis, Nº1, Nº2, e Randufe, do CPR Maristas San María e do IES Indalecio Pérez Tizón. Durante a sesión, a infancia e adolescencia tudense reivindicou os seus dereitos, recoñecidos por UNICEF.
A sesión plenaria celebrouse no Espazo Sociocultural sendo presidida polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e pola concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, que escoitaron as exposicións e propostas do alumnado, respondendo e tomando nota das súas reivindicacións. O obxectivo para vindeiras edicións é que se poida sumar tamén o alumnado de Valença e celebrar así un pleno infantil da Eurocidade.
O dereito a xogar foi un dos expostos polo alumnado. Así Jorge e Victoria dende o CEIP nº2 solicitaron a creación dun coworking infantil, e centraron parte das súas propostas en iniciativas compartidas con Valença coma unha tirolina entre os dous municipios, un parque acuático no Miño, un carril bici e un servizo de aluguer de bicicletas, entre outros. Martina e Iria do CEIP de Caldelas, incidiron no dereito á educación e tamén ao xogo e reclamaron melloras no seu centro educativo, o arranxo da pista de fútbol da ribeira de Caldelas, ou parques con zonas verdes.
Xiana e Lucía do IES Indalecio Pérez Tizón centráronse no lecer e tempo libre reclamando lugares para pasar o seu tempo, pistas deportivas, ou un programa de radio xuvenil na emisora municipal. Dende o CEIP de Randufe Leo e Lucía coincidiron no dereito a xogar propondo mellorar os parque infantís, contar con máis espazos de lecer, actividades familiares e espazos adaptados. Yaiza e Estela do CEIP de Pazos de Reis centraron as propostas no público adolescente con parques, actividades e campamento para estas idades.
Dende o CEIP nº1 Candela e Xoán centráronse no Dereito á saúde e ao benestar emocional, e nesa liña reclamaron espazos inclusivos, obradoiros de cociña para aprender a alimentarse mellor, ou celebrar o Día do Benestar da Eurocidade. Alejandro e Lucía do Colexio Maristas Santa María propuxeron crear un espazo de lecer moderno preto da Corredoira, unha piscina municipal, un skate park na Alameda, ou pistas cubertas.
O alcalde e a concelleira deron resposta a cada unha das intervencións agradecendo ao alumnado as súas achegas, e o traballo de preparación deste pleno infantil que realizaron.
Tomaron tamén a palabra as e os integrantes de Partuipando explicando ao alumnado presente no Espazo Sociocultural as actividades que realizan e convidándoos a sumarse a este grupo de participación infantil e xuvenil.

