O alcalde da Caniza, Luis Piña, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez, veñen de asinar en Pontevedra o convenio de colaboración para a execución do proxecto «Mellora da accesibilidade en Rosalía de Castro e Bueixos», unha actuación que conta cun investimento total de 1.041.779,48 euros, IVE incluído.
Segundo comunicou o alcalde tras a sinatura “a obra estará financiada integramente pola Deputación a través de dúas liñas de axudas. A primeira, cuxo Convenio asinamos o pasado 29 de outubro, corresponde ao Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, cunha subvención de 682.000 euros. A segunda achega é a que lle corresponde ao Concello no marco do Plan + Provincia 2026-2027, cunha asignación de 359.779,48 euros, distribuída en dúas anualidades: 50.429,84 euros para 2026 e 309.349,64 euros para 2027″.
“Esta combinación de fondos permite acometer a intervención sen necesidade de achegas municipais, continuando coa liña seguida durante estes últimos anos de reformar edificios e mellorar infraestruturas municipais, sen comprometer o gasto municipal”, asegura o rexedor.
O alcalde cualificou o convenio como «un paso necesario para continuar transformando os principais viarios do núcleo urbano, converténdoos en espazos accesibles e pensados para as persoas, como xa estamos facendo coa rúa Antonio Facorro».
O investimento total do proxecto ascende a 1.041.779,48 euros, dos que 1.011.015,23 euros corresponden á execución das obras, IVE incluído, e 30.764,25 euros aos honorarios técnicos para desenvolver e dirixir a actuación.
Tres fases de proxecto
O proxecto contempla tres ámbitos de actuación destinados a renovar os espazos públicos, eliminar barreiras, mellorar a accesibilidade e favorecer unha mobilidade máis sostible. As intervencións abranguen a rúa Rosalía de Castro, os camiños que a conectan co núcleo dos Bueixos e os viarios interiores deste lugar.
A primeira fase actuará na rúa Rosalía de Castro, nunha superficie aproximada de 1.339,45 m2, ao longo do tramo comprendido entre o entronque coa rúa Antonio Facorro e a conexión coa rúa Otero Pedraio. O obxectivo é transformar este vial nun espazo máis accesible, mellorando os pavimentos e as condicións de circulación peonil.
A intervención prevé unha configuración de plataforma compartida, con beirarrúas de lousa de granito, unha calzada de formigón desactivado e a incorporación de vexetación e mobiliario urbano. O deseño busca favorecer a convivencia entre os distintos usos da rúa, mellorar a integración paisaxística e crear un espazo público máis cómodo e seguro. Tamén se contempla a renovación da iluminación e a mellora das zonas de estacionamento, integrándoas no conxunto da actuación.
A segunda fase centrarase nos camiños de conexión entre a rúa Rosalía de Castro e Os Bueixos, cunha superficie aproximada de 914,53m2. Esta intervención permitirá mellorar a continuidade dos itinerarios peonís entre o núcleo urbano e este ámbito, mediante a consolidación e adecuación dos camiños existentes.
Por último, a terceira fase desenvolverase nos camiños interiores de Os Bueixos, nunha superficie de 1.095m2. A actuación permitirá humanizar os viarios do núcleo mediante a renovación dos pavimentos, con solucións que combinan adoquín de granito e bandas de lousa de granito, respectando o carácter tradicional do lugar. O proxecto inclúe tamén a mellora da drenaxe, a instalación de mobiliario urbano e a incorporación de vexetación. Ademais, prevese a instalación de canalizacións para facilitar un futuro soterramento das redes eléctricas e de telecomunicacións. Estas actuacións contribuirán a mellorar a imaxe do núcleo e as condicións de uso dos seus espazos públicos, así como a conexión co tradicional lavadoiro.

