O Concello do Porriño acollerá o vindeiro luns 26 de outubro, ás 19:00 horas, un acto institucional para render homenaxe ao insigne arquitecto porriñés Antonio Palacios no marco do 50.º aniversario do traslado dos seus restos á súa vila natal.
Aínda que Palacios faleceu na súa casa do Plantío, en Madrid, en 1945, e foi soterrado no cemiterio da Sacramental de San Lorenzo, o seu desexo explícito era regresar ao Porriño.
Foi o 30 de outubro de 1976 cando a súa vila natal cumpriu o desexo do arquitecto: ser trasladado ao municipio e reposar baixo unha mole de pedra cunha inscrición tallada por un canteiro na que figurase o seu nome e o seu oficio. Así, aquel traslado converteuse, tres décadas despois do seu pasamento, nun acto de fonda emotividade e solemnidade popular. Os restos do célebre arquitecto foron recibidos e levados a ombreiros por canteiros do Porriño polas rúas da vila nunha emotiva procesión e homenaxe.
Desde entón, reposa no cemiterio municipal baixo unha mole de granito procedente das canteiras de Vila Fría, labrada a pico por un canteiro coa gravación sinxela que el mesmo solicitara: “Antonio Palacios – Arquitecto”.
“50 anos despois, o Concello do Porriño quere manter viva a súa memoria e honrar ese desexo expreso do arquitecto de regresar á súa vila cunha mostra fotográfica daquel día no que os seus restos volveron a reposar na súa terra”, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, agradecendo ao equipo de Cultura do Concello do Porriño, o traballo para celebrar esta efeméride. Neste senso, explica que o Concello seguirá volcado en preservar e seguir estudando a historia de Palacios. “Para elo estamos a piques de abrir as salas que levan o seu nome e tamén o seu legado”.
A exposición que recolle fotografías do Arquivo Municipal da Imaxe, xunto con outras doadas por Modesto Giráldez, poderá visitarse no Concello.
Preestrea do documental de Aser Álvarez
A xornada comezará coa proxección en primicia do documental “A Pontevedra de Antonio Palacios”, unha obra audiovisual de 50 minutos dirixida polo cineasta Aser Álvarez González que recupera e reivindica o transcendente legado arquitectónico e urbanístico que o autor deixou na provincia.
Esta peza iniciática, o primeiro paso cara a un gran proxecto documental sobre a figura de Palacios, funciona como unha sorte de road movie que percorre a Pontevedra de Antonio Palacios máis aló das súas obras construídas, chegando incluso a reconstruír mediante intelixencia artificial proxectos non levados a cabo, como o convento das Salesas ou a xa desaparecida Escola Fernández Areal.
Destaca o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que ademais esta peza é “unha homenaxe ao Doutor en Historia Xosé Ramón Iglesias Veiga, Moncho, un dos pioneiros no estudo do arquitecto e un mestre moi querido no Porriño.
O traballo conta coa participación de testemuñas e expertos como o catedrático de Historia da Arte Jesús Ángel Sánchez e Álvaro Bonet, ademais de render esa homenaxe a Iglesias .
A banda sonora orixinal corre a cargo do músico Moisés Quintas e do grupo Abóbriga, que actuarán tamén durante a xornada de presentación.

