O Concello de Mos celebrará o vindeiro martes 27 de outubro a presentación de “Adicatorias da ialma”, o novo libro de Cristina Lago, veciña do municipio e afeccionada á escritura desde a infancia. O acto terá lugar ás 19.00 horas na Biblioteca Municipal María Magdalena, nun encontro aberto ao público para dar a coñecer esta obra poética.
Nada en Mos en 1985, Cristina Lago comezou a escribir de nova e mantivo esta afección ao longo dos anos. Nai de tres fillos, destaca no seu percorrido o apoio da súa familia, da súa mestra de primeiro de Bacharelato e da súa veciña María Magdalena.
En “Adicatorias da ialma”, a autora reúne poemas e textos dedicados a persoas e a diferentes temas, entre eles o amor e a resiliencia. A obra tamén aborda cuestións relacionadas coa muller e coa memoria, desde unha escrita marcada pola sensibilidade e pola súa relación coa lingua e coa cultura galegas. Entre as súas referencias literarias figura Rosalía de Castro, coa que comparte o seu interese pola lingua galega, as persoas e a paisaxe.

