O concello do Porriño conta dende este venres, 16 de outubro, cunha nova centenaria: Carolina Leiras, quen celebrou os seus 100 anos rodeada do cariño da súa familia soprando unha torta coa forma de esa cifra máxica. Unha celebración á que se sumou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que xa se comprometeu con ela a acudir á vivenda familiar de Torneiros por cada díxito que se sume a esas velas.
Carolina vive xunto á súa irmá Delia, de 95 anos, e dous dos seus sobriños. Rodeada dunha familia que a coida, a arroupa e que sabe que leva o xen da lonxevidade, xa que a tía de Carolina chegou aos 107 anos
Os 100 anos de Carolina dan para moitas historias. Solteira durante toda a súa vida, dedicouse en corpo e alma á súa profesión: costureira e modista e viaxou por medio mundo. Cruzou o Atlántico e traballou en países como Brasil, Uruguai e Arxentina, antes de regresar á súa terra natal para seguir vestindo a moitísimos veciños e veciñas da contorna. Á súa volta, fixou a súa residencia na casa da súa avoa.
Se algo caracteriza a esta porriñesa é a súa incrible capacidade de superación. Hai uns vinte anos superou un cancro e enfrontouse a varias intervencións cirúrxicas, entre elas operacións de cadeira con prótese. De feito, unha desviación de cadeira fixo que dende moi nova tivese que utilizar bastón, pero isto non impide que aos seus 100 anos teña unha saúde de ferro.
A lonxevidade parece ser ademais un selo de familia. Ademais da súa irmá Delia, Carolina tiña outra irmá que tamén superou os 90 anos antes de falecer, e unha tía orixinaria de Mosende que acadou a impresionante cifra dos 107 anos.

