A Xunta iniciará este sábado 17 de outubro o ensaio clínimo Combogal, pensado para avaliar a mellor estratexia de vacinación contra a gripe e a COVID-19 nas persoas de 65 ou máis anos, que se levará a cabo nos 14 hospitais públicos da comunidade.
Nos últimos días, enviáronse mensaxes SMS con información sobre esta iniciativa á poboación seleccionada, ao redor de 730.000 persoas maiores de 65 anos.
O ensaio desenvolverase no marco da campaña ordinaria de vacinación, así na propia citación para acudir ao centro de saúde informarase tamén da posibilidade de desprazarse ao hospital para participar no estudo.
O obxectivo da campaña é comprobar se unha vacina combinada contra a gripe e a COVID-19 reduce o risco de hospitalización, complicacións e morte asociadas a estas infeccións, en comparanza coa administración simultánea dunha vacina antigripal de alta dose e outra contra a COVID-19 en inxeccións separadas.
Pola súa banda, dende a Consellería de Sanidade destacan que “a vacina combinada xa foi testada e autorizada”, e desta forma o estudo busca “determinar a estratexia de protección máis idónea para a poboación maior.”
As persoas interesadas en participar poderán reservar cita a través da aplicación Sergas Móbil ou no teléfono habilitado para este fin, o 900 842 217, que estará operativo de 10:00 a 20:00 horas. Haberá ocos dispoñibles desde esta fin de semana e durante cinco fins de semana consecutivas nos 14 hospitais públicos do Sergas.
O ensaio desenvolverase nas sete áreas sanitarias, nos hospitais das sete cidades e nos hospitais comarcais.

