A Xunta de Galicia puxo en marcha os trámites para reclamar máis de 150 millóns de euros ao coñecido como cartel dos cueiros para adultos, un grupo de oito empresas fabricantes e importadoras de absorbentes de incontinencia grave de urina empregados en hospitais, residencias e outros servizos similares. Tal e como explicou o presidente autonómico, Alfonso Rueda, tras a primeira reunión do Consello do curso político celebrada este martes, o Goberno galego deu luz verde á contratación dun servizo de representación e defensa xurídica por valor de seis millóns de euros co obxectivo de pilotar esta demanda millonaria.
A orixe desta batalla xudicial sitúase na sanción imposta no ano 2016 pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia contra oito compañías, a Federación Española de Empresas de Tecnología Sanitaria (Fenin) e dúas persoas físicas. O organismo acreditou que estas entidades pactaran os prezos e venderon os cueiros á Administración mediante licitacións públicas polo doble do seu valor real. Unha vez que o Tribunal Supremo confirmou ditas sancións, a Xunta decidiu iniciar os pasos para recuperar o sobrepago soportado polas arcas públicas, sumándose así a unha iniciativa que tamén están a adoptar outras comunidades autónomas.
Un sobrecusto analizado dende 1996
Para cuantificar o dano económico, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) revisou os gastos efectuados en pañales entre 2004 e 2014, un período que por si só xa acumula 140,8 millóns de euros. Con todo, as irregularidades retrotraen ata o ano 1996. Os traballos para pechar a cifra exacta do gasto rexistrado entre este último ano e 2004 aínda non concluíron debido a que os sistemas de contratación non estaban plenamente informatizados, malia que unha primeira estimación achega xa os 153 millóns de euros.
Para afinar estas cantidades, o contrato aprobado pola Xunta inclúe de maneira prioritaria a realización dun informe pericial que permita certificar o gasto exacto e delimitar a duración temporal do prexuízo económico causado ás contas públicas. Este labor técnico, apoiado nun estudo preliminar desenvolvido pola Universidade de Santiago, servirá para fixar a contía final que se reclamará por vía xudicial e extraxudicial, cubrindo todas as fases do proceso e a interposición de posibles recursos.
Complexidade xurídica e previsións de longo prazo
O Executivo autonómico subliñou que este tipo de reclamacións presentan unha notable complexidade técnica debido á elevada cuantía económica, á multitude de partes implicadas e á normativa específica que rexe o dereito da competencia. A existencia dunha lexislación propia e dunha abundante xurisprudencia recente fan que os procedementos requiran dunha abordaxe especializada, polo que dende a administración autonómica xa se advirte que non se agarda unha resolución rápida do conflito.

