O colapso e a congestión na rede eléctrica tamén se están a converter nun freo para o sector inmobiliario. Un informe elaborado por BBVA Research revela que a falta de infraestruturas de subministro enerxético está a impedir a edificación inmediata de máis de 5.400 vivendas en Galicia, un territorio onde, malia non rexistrar os déficits máis graves do Estado, si atopa restricións puntuais nas zonas con maior crecemento demográfico e demanda de inmobles.
A análise cuantifica que, fronte aos 7.000 inmobles que estaban previstos inicialmente en áreas concretas como os contornos de A Coruña e Vigo, a capacidade eléctrica dispoñible e asignable ao sector residencial só permitiría abastecer de maneira inmediata a 1.562 vivendas, o que supón un 22,3% do total. Con todo, o estudo precisa que Galicia non presenta déficits tan severos coma outras comunidades, xa que coa enerxía dispoñible polas súas infraestruturas actuais poderían edificarse 24.900 vivendas, aínda lixeiramente por debaixo das 27.300 que se consideran necesarias na actualidade para atender tódalas demandas.
Un problema xeneralizado en zonas de alta demanda
A nivel estatal, o impacto negativo reflictese en que unhas 80.000 vivendas proxectadas dependen directamente da execución de novas infraestruturas eléctricas. Aínda que o informe matiza que os problemas de conexión non constitúen o factor principal que limita a oferta de vivenda, si actúan como un obstáculo que atrasa a materialización dos proxectos. Os efectos máis agudos rexistranse en Madrid, Valencia, Alicante, Sevilla e Murcia, onde a capacidade actual condiciona o desenvolvemento residencial e afecta a iniciativas concretas en Madrid, Vélez-Málaga, Estepona ou Aragón, demorando calendarios ou mesmo a entrega de inmobles xa rematados.
O documento advirte ademais de que a congestión do sistema é moi elevada: o 88% dos nós eléctricos de distribución no país contan con menos dun megavatio de capacidade dispoñible, unha carencia que condiciona as posibilidades de nova construción naqueles puntos con maior puxanza e onde a creación de fogares se ve impulsada pola inmigración e a alta demanda.
Prazos dilatados e novas medidas regulatorias
Un dos principais hándicaps sinalados pola entidade financeira radica na lentitude administrativa. Ampliar a rede eléctrica en grandes desenvolvementos urbanísticos require prazos moi dilatados que oscilan entre os cinco e os oito anos, debido aos complexos procesos de planificación, autorizacións administrativas, avaliación ambiental, adquisición de solo e construción material das infraestruturas.
Para combater esta situación, dende o ano 2020 implementáronse novos fitos, prazos e garantías económicas co obxectivo de evitar o acaparamento de capacidade e liberar permisos que non se estaban a utilizar. Ademais, a vivenda sumouse á industria como proxecto estratéxico na asignación de acceso eléctrico, mentres o Goberno central aprobou unha normativa destinada a mobilizar ata 17.900 millóns de euros para o despliegue de novas infraestruturas. Con todo, o informe de BBVA Research conclúe que a efectividade destas medidas dependerá dun axeitado desenvolvemento regulamentario e de que a asignación dos recursos se rexa por criterios estritamente obxectivos e transparentes.

