O colectivo Disiden.Cia iniciou na residencia de artistas Artistea de Ponteareas, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no territorio, promovido polo Colectivo RPM. Así, a Residencia de Artes e Pensamento ponteareá acolle, ata o xoves 20 de agosto, a sétima destas residencias artísticas de 2026 en Ponteareas, en torno á proposta do tándem artístico navarro-galego formado por Martina Los Arcos e Marcia Vázquez, que ten por título “Botar de menos o futuro”.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais e conta co apoio do concello de Ponteareas, a través da súa residencia de artistas. A proposta de Disiden.Cia cuestiona as identidades normativas, a lóxica produtiva e os marcos cis-heteronormativos, cuestionando se a falta de emancipación da nosa xeración pode provocar unha nostalxia sobre o futuro que non viviremos. Unha vez finalizada a súa residencia artística, as bailarinas ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar en Artistea, o mesmo xoves, 20 de agosto, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo.
O concelleiro de Ensino , Ricardo González, puxo de manifesto que a presenza de Disiden.Cia en Ponteareas enriquece o noso ecosistema educativo e cultural. O seu proxecto non só se limita ao ensaio a porta pechada, senón que inclúe unha posta en escea pública, “achegando as linguaxes da danza moderna a diferentes grupos de idade, promovendo o pensamento crítico, a diversidade e a aprendizaxe artística directa entre os nosos veciños”.
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, puntualizou que Ponteareas non é un simple escenario pasivo “somos axentes coproductores que investimos directamente no talento emerxente e na cultura contemporánea”. A rexedora local engadiu que co uso dun espazo público único como Artistea, “demostramos que os municipios da nosa comarca poden liderar a vangarda artística en Galicia ao mesmo nivel que as grandes áreas urbanas”.

