HomeNewsActualidadePonteareas contará cunha nova senda peonil e ciclista na estrada que conecta...

Ponteareas contará cunha nova senda peonil e ciclista na estrada que conecta con Mondariz

A Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o Director do Proxecto, Manolo Juanatey, achegáronse á parroquia ponteareá de Bugarín para presentar in situ, coa presenza da alcaldesa, Nava Castro, e parte da corporación, a nova senda peonil e ciclista da PO-254, promovida pola Xunta de Galicia, que comeza na parroquia de Bugarín e que chega a Pías, pasando por Prado.

O Diario Oficial de Galicia recolle xa o anuncio do prazo de información pública e presentación de alegacións. Co fin de facilitar e achegar a información aos interesados, o concello de Ponteareas xa informou que nos vindeiros días programará reunións informativas nas tres parroquias ponteareás polas que discorre a senda peonil e ciclista, ademais de ter o proxecto a disposición dos interesados no propio concello.

A Conselleira, María Martínez Allegue, enmarcou estas actuacións na aposta da Xunta pola mobilidade sostible e segura a través da gran rede de itinerarios peonís que se está a habilitar “cunha folla de ruta clara” nas estradas autonómicas e que contribúen, ademais de mellorar a seguridade para os desprazamentos da veciñanza e visitantes, “a embelecer as nosas vilas e cidades e a avanzar na nosa Galicia calidade da que estamos tan orgullosos”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, amosou o seu agradecemento á Xunta polo desenvolvemento do proxecto desta nova senda na rede autonómica ao tempo que puxo de manifesto que “esta infraestrutura responde a unha demanda histórica da veciñanza e supón un paso decisivo para conectar parroquias, favorecer os desprazamentos máis cómodos e seguros e impulsar hábitos de mobilidade saudables.” Nese sentido, a rexedora local puntualizou que a senda “non é só unha infraestructura para o ocio de fin de semana, senón que é unha aposta firme pola mobilidade sostible do día a día”. 

Cun investimento por parte de Xunta de 1.716.023 euros, a nova senda ponteareá contará con tres treitos de itinerario de 2 metros de ancho nas parroquias de Bugarín, Prado e Pías, ao longo de máis de 4 kilómetros. O proxecto tamén inclúe actuacións complementarias, como a habilitación de bandas de aparcamento, reservas de parada de bus e a reorganización da intersección entre a PO-254 e a PO-253 en Ponteareas, para permitir o cambio de sentido ou disposición de novos pasos de peóns.

Dende a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas informaron que unha vez remate o período de información pública do proxecto, “axilizarase a tramitación para aprobar o proxecto construtivo e licitar as obras neste mesmo ano, cun prazo de execución de 18 meses”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS