HomeNewsActualidadeLocalizan un camión con matrícula española e unha narcolancha de máis de...

Localizan un camión con matrícula española e unha narcolancha de máis de 400.000 euros encallado parcialmente no río Miño en Caminha

A Policía Marítima e a Policía Judicial lusas investigan o suceso tras atopar o tráiler baleiro na rampa de Lanhelas cunha semirríxida de gran potencia no interior, aínda que piden prudencia sobre a súa vinculación co narcotráfico

Un camión con matrícula española apareceu este martes parcialmente sumergido e abandonado na rampa de acceso ao río Miño no porto de Lanhelas, na localidade lusa de Camiña. Tal e como informou o capitán do porto e comandante local da Policía Marítima, Fernando Vieira Pereira, o aviso foi dado polos veciños cara ás nove da mañá, momento no cal os axentes desprazados comprobaron que non había ningunha persoa nin na cabina nin nos arredores do vehículo.

A inspección do remolque permitiu descubrir unha embarcación neumática semirríxida de máis de doce metros de eslora e tres motores de gran potencia, valorada en máis de 400.000 euros. Segundo indicaron as autoridades, a reconstrución inicial apunta a que o tráiler realizaba unha maniobra para botar ou retirar a lancha da auga cando algo fallou, quedando encaxado na rampa. A Autoridade Marítima Nacional incautouse do conxunto articulado, mentres a Policía Marítima e a Policía Judicial dirixen conxuntamente unha investigación para identificar aos responsables e aclarar o destino da embarcación, cuxas características habituais están asociadas ao narcotráfico, malia que o capitán pediu prudencia ao sinalar que por agora non se pode confirmar dita vinculación.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS