HomeNewsActualidadeO Porriño prepárase para revivir a Gran Batalla das Civilizacións na décima...

O Porriño prepárase para revivir a Gran Batalla das Civilizacións na décima edición de Porrigalia

Esta mañá tivo lugar a presentación oficial da nova edición de Porrigalia, a festa que transforma por completo o espírito do Porriño para convertelo no epicentro duns peculiares Xogos Olímpicos da antigüidade. Os vindeiros días 25 e 26 de xullo, as rúas da vila mudarán o seu aspecto habitual para transformarse nun escenario histórico e atemporal onde convivirán e rivalizarán galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos.

Esta cita combina o rigor do deporte popular coa comedia e a recreación, animando a toda a veciñanza e visitantes a desfrutar dunha fin de semana chea de música, gastronomía e grandes espectáculos gratuítos. O alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto co Concelleiro de Festas, Bienvenido Estévez, destacou durante o acto o “carácter participativo e colectivo da celebración, aproveitando para agradecer a implicación de asociacións, ANPAS, comerciantes e hostaleiros que fan posible que este evento siga medrando ano tras ano. Un evento que trae cultura, explicou, e tamén deporte, dous alicerces fundamentais no Porriño”.

A esencia de Porrigalia reside na recreación dunha gran comedia histórica que envolve toda a programación, por iso pediron tamén a cidadanía que se caracterice para a festa. O gran fito inicial terá lugar o sábado 25 ás 11:00 horas co Gran Desfile desde San Sebastián ata a praza do Concello. Será alí onde se produza un dos momentos máis agardados e tradicionais da festa: o Destrone do Alcalde por parte do Rei Castrexo.

Nun asalto cargado de humor, o Rei e o seu exército toman a vila, secuestran ao rexedor local para impoñer as súas propias normas baseadas nos cantos, os bailes, a comida e a diversión sen límites para todas as civilizacións e visitantes.

Tras este golpe de estado festivo, a orde olímpica restablécese co acendido da chama olímpica e a lectura do pregón oficial, que estará a cargo de Galidrone, é dicir, Sergio e Daya, dous porriñeses que, a través das súas redes sociais, promoven Galicia descobren o mundo, achegando a cultura, a historia e o patrimonio de cada destino a unha comunidade de máis de 200.000 persoas.

O broche de ouro desta liña máis tradicional ou histórica poñerase coa mítica Gran Queimada a cargo do Rei Panoramix o sábado ás 22:00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios, e concluirá o domingo á noite coa devolución simbólica do poder na Entrega do bastón de mando e o desfile SubUmbra.

A maiores da parte histórica, a festividade tamén contará coas tradicionais probas olímpicas, actividades infantís e eventos musicais.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS