O Consello da Xunta de Galicia aprobou o escudo oficial e a bandeira do Concello do Porriño. “Este paso supón un fito histórico para o municipio” aseguran dende o goberno local, “xa que ata o momento non contaba cun estudo heráldico rigoroso nin cunha simboloxía recoñecida e validada formalmente de acordo cos principios da heráldica tradicional”.
O novo deseño non pretende romper coa tradición local, senón integrar, actualizar e reforzar os elementos que definen O Porriño como comunidade, recoñecendo tanto as súas raíces como a súa evolución contemporánea.
Explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, que “a proposta aprobada mantén referencias históricas esenciais e moi queridas na memoria colectiva da vila como son a Ponte do Valo e o río Louro, sinais inequívocos do territorio” que xa figuraban nos primeiros carimbos municipais documentados antes de 1840, pero ademais “incorpora elementos identitarios esenciais, como o trigo que simboliza o pan do Porriño, a torre da Casa Consistorial, en homenaxe ao legado que nos deixou Palacios, a roda dentada que representa a nosa forza industrial ou o compás e a chumbada de canteiro sen o que O Porriño non sería o que é”
A estes compoñentes tradicionais súmanse dous novos elementos fundamentais que xustifican a realidade histórica, social e económica do Porriño actual. A primeira é a torre da Casa Consistorial, deseñada polo insigne arquitecto Antonio Palacios e inaugurada en 1924. Este emblemático edificio, construído con granito local, substitúe a antiga representación da igrexa parroquial como o gran símbolo civil, integrador e identitario da vila e da súa tradición canteira. Ademais integra as espigas de trigo, un recoñecemento explícito á relevante e prestixiosa tradición panadeira do Porriño, cuxa importancia estratéxica e económica está documentada dende o século XIII e que hoxe en día conta co valor engadido dunha marca protexida.
Ademais, se inclúen unha roda dentada, un engranaxe que representa a forza industrial, o desenvolvemento tecnolóxico e a realidade socioeconómica do Porriño de hoxe en día, e as nove parroquias do Porriño. O compás e a chumbada de canteiro, fan referencia directa á tradición canteira, ao oficio da construción e á arquitectura, moi ligada á extracción do granito e á figura de Antonio Palacios.
Coa esta validación por parte do Consello da Xunta, O Porriño consolida de forma oficial unha imaxe institucional lexítima e adaptada á ciencia heráldica, poñendo fin a décadas de mudanzas e adaptacións gráficas supeditadas aos diferentes contextos políticos do Estado. “É un fito histórico”, apunta o rexedor.
Tanto o escudo como a bandeira, xa recibiran informe favorable na reunión da Comisión de Heráldica do pasado 11 de xuño. Este órgano consultivo da Xunta de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de réxime local, é o encargado de emitir informes vinculantes de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras das entidades locais galegas.
O Goberno galego leva aprobados un total de 291 escudos e bandeiras das entidades locais de Galicia no seo da Comisión Heráldica da Xunta, tras a petición dos respectivos concellos de adoptar, modificar ou rehabilitar os seus símbolos, en aplicación do Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, que os regula. Os municipios e as demais entidades locais de Galicia poden adoptar escudos heráldicos e bandeiras propios e privativos, modificar os xa existentes ou rehabilitar os que historicamente se empregasen, baseándose sempre en feitos históricos ou xeográficos característicos e peculiares do seu territorio e conforme as normativas de heráldica. Ningunha entidade local de Galicia poderá utilizar escudo heráldico ou bandeira que non fosen aprobados polo Consello da Xunta, sen prexuízo daqueles que foron aprobados pola Administración do Estado con anterioridade á transferencia de competencias a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

