HomeNewsActualidadeFallece aos 67 anos José Presas Zobra, o empresario lalinense que revolucionou...

Fallece aos 67 anos José Presas Zobra, o empresario lalinense que revolucionou o futbolín en España

Fundador do Grupo Presas, impulsou a modernización deste popular xogo, liderou a súa vertiente competitiva e defendeu ás pequenas empresas galegas do sector recreativo

O empresario lalinense José Presas Zobra faleceu este domingo aos 67 anos de idade. Fundador e director xeral do Grupo Presas, desenvolveu unha traxectoria de máis de catro décadas vencellada á fabricación de futbolines, máquinas recreativas e equipos de vending, convertendo a Lalín nun referente estatal e internacional deste sector.

Nado e estabelecido na localidade pontevedresa, Presas puxo en marcha o seu proxecto empresarial en 1984 dende o polígono Lalín 2000. Ao longo dos anos, a compañía soubo adaptarse aos cambios tecnolóxicos e de entretemento, evolucionando dende os modelos tradicionais ata versións punteiras equipadas con barras de titanio, cámaras, pantallas táctiles e conexión wifi. Nos anos noventa, a fábrica chegou a acadar a produción de 4.000 unidades anuais.

Impulsor da competición e a innovación

Ademais da vertiente industrial, o empresario apostou firmemente pola vertiente competitiva do xogo, organizando en Lalín un campionato estatal que durante máis de vinte anos congregou a centos de afeccionados de todo o país.

A súa capacidade de adaptación tamén se demostrou durante a crise sanitaria de 2020, cando a compañía reorientou parte da súa produción cara á creación de higienizadores de aire para facer fronte ao peche de establecementos de hostalería. No ámbito asociativo, exerceu como presidente da Asociación Gallega de Pequeños y Medianos Operadores (Argapyme), desde onde defendeu activamente aos pequenos empresarios fronte á normativa autonómica do xolo e ás grandes compañías.

Segundo informou o medio, o cortexo fúnebre partiu este luns dende a casa mortuoria de Bendoiro cara á igrexa de Lalín para a súa inhumación no cemiterio novo, cumprindo a decisión expresa do finado de non recibir duelo. O fallecemento xerou numerosas mostras de condolencia, entre elas a da Federación Española de Futbolín, que lamentou profundamente a perda dun dos grandes impulsores deste deporte en España.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS