Un tráxico accidente de tráfico saldouse este venres con dous falecidos e catro feridos graves. O suceso tivo lugar pouco despois das 14:30 horas no punto quilométrico 2 da estrada PO-510, no concello do Porriño, en dirección a Salceda de Caselas.
As dúas vítimas mortais, un home de 62 anos e unha muller de 68, eran irmáns e viaxaban no mesmo turismo, un Kia. Segundo informou a Garda Civil de Tráfico, por motivos que aínda se están a investigar, o coche que conducía a muller invadiu o carril contrario e chocou frontalmente contra outro vehículo. As autoridades barallan a posibilidade de que a condutora puidese sufrir algún percance previo que a fixese perder o control do volante.
Catro feridos de Salceda
No segundo coche implicado viaxaban catro persoas, todas elas da mesma familia e veciñas de Salceda de Caselas. Tras o impacto, que deixou o frontal do vehículo totalmente destrozado, foron atendidas polos servizos de emerxencia. Aínda que presentan feridas de gravidade, fontes oficiais confirmaron que as súas vidas non corren perigo.
O operativo de rescate foi complexo debido á violencia do choque. Os efectivos dos bombeiros tiveron que realizar labores de excarceración para poder extraer os corpos das dúas vítimas mortais, cortando parte da estrutura do vehículo.
Ata o lugar desprazáronse rapidamente efectivos da Policía Local do Porriño, axentes da Garda Civil, persoal sanitario do 061 e varios equipos de emerxencias. O dispositivo encargouse tanto da asistencia médica aos feridos como da regulación do tráfico na zona e a limpeza dos restos dos turismos que quedaron espallados sobre a calzada.

