HomeNewsActualidadeA Xunta abre a porta a impartir calquera materia en galego dentro...

A Xunta abre a porta a impartir calquera materia en galego dentro dun novo plan de normalización

O documento, que inclúe preto de 700 medidas para a próxima década, require unanimidade política para realizar cambios na docencia. O obxectivo é frear o descenso do uso do idioma entre os máis novos

A lingua galega inicia unha nova etapa. A Xunta de Galicia presentou este mércores en Santiago a proposta para o novo Plan Xeral de Normalización Lingüística, unha folla de ruta que busca reverter a fenda xeracional no uso do idioma. O acto, que reuniu case 800 persoas, estivo encabezado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen cualificou o plan de “ambicioso” e froito dun proceso participativo aberto a toda a sociedade.

Entre as novidades máis destacadas, o documento abre a posibilidade de impartir calquera materia en galego no sistema educativo. Con todo, o conselleiro puntualizou que esta medida está supeditada a alcanzar un pacto previo e unánime con todas as formacións políticas. “Probablemente en moitos anos non se volverán a dar circunstancias parecidas para chegar a un gran acordo”, afirmou López Campos, deixando a pelota no tellado da oposición.

Un plan contra o declive do galego

A necesidade deste pacto vén motivada polos datos do Instituto Galego de Estatística de 2024, que revelaron que case 71.000 mozos de entre 5 e 14 anos non saben galego e que o uso exclusivo do español medrou ata o 29,3% da poboación. Para paliar esta situación, o plan, coordinado polo catedrático Manuel González, aposta por “recuperar e normalizar” o idioma máis alá da libre competencia.

O texto recolle a posibilidade de axustar o decreto de 2010 —que actualmente obriga a impartir Matemáticas en castelán, por exemplo— respectando sempre o equilibrio lingüístico entre ambas as linguas oficiais.

Medidas en sanidade, xustiza e administración

O plan, que xa está no Parlamento para o seu debate, estende o seu ámbito de actuación a todos os sectores:

  • Sanidade: Créase un Servizo de Normalización Lingüística dentro do Sergas e un “gestor lingüístico” en cada área sanitaria. Na Atención Primaria, lanzarase o programa ‘Consulta en galego’ para informar sobre a atención neste idioma, e crearase un selo de ‘Centro Sanitario Lingüísticamente Responsable’ para o sector privado.
  • Xustiza: O obxectivo é que os procedementos poidan desenvolverse ao 100% en galego grazas ao novo sistema procesal Atenea, sumado á tradución das sentenzas do TSXG.
  • Administración: A Xunta comprométese a que o galego sexa a lingua de contacto inicial con toda a cidadanía nos seus servizos.
  • Juventude e familia: O plan prevé a creación de dous observatorios para vixiar o uso do galego no ámbito familiar e xuvenil, ademais de aumentar a produción de ficción na TVG e crear unha app oficial de ocio.

Finalmente, a proposta contempla avanzar cara a unha nova Lei da Lingua que complemente a de 1983, a norma fundacional do marco autonómico, e recuperar a denominación de “Equipos de Normalización Lingüística” nos centros educativos, substituíndo o actual termo de dinamización.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS