“O Azkena vaise e punto” Este e o lema que seguen os “Azkeneros”, e esa é a razón pola que a primeira cola que se forma no recinto do festival é na billeteira onde se pode mercar a entrada para o vindeiro ano. Si, sen cartel. Só coa seguridade das datas é suficiente para amosar o apoio a un festival coherente, constante e fiel.
A xornada do xoves prometía e estábamos preparados. A nosa estrea foi co cantante estadounidense Robert Finley, un bluesman reconvertido ao soul e ao góspel, de 72 anos que en 12 cancións repasa a súa vida nos campos de algodón en Lousiana. Meritorio o concerto, xunto a súa filla, de este home que con 7 anos lle preguntou a seu para ir ao colexio e este contestoulle que non tiña tempo para a educación. Aí empezou todo.
A nosa próxima parada era moi esperada, os holandeses DeWolff estaban de volta no Azkena. Solos de guitarras demasiados longos para unha hora de concerto, acompañados por uns teclados que marcan a liña da banda e que mostraron ao trío intenso e desbocado por momentos e que puxeron aos seus fieis ,nos que me atopo, ao día da súa creatividade. Unha alegría atoparse
como sempre con DeWolff.
Imelda May era o noso seguinte obxectivo. A irlandesa está de xira co guitarrista Darrel Higman, e dende o primeiro momento decatamos que a súa proposta volta aos sons dos primeiros discos. A xuntanza co ex-marido rompe co dito que di que “segundas partes nunca foran boas”. Versións de Muddy Waters de Johnny Burnette e todos contentos con ese regreso ao rock and roll clásico e de volver a escoitar esa voz que arrastra aos nosos corazóns a beleza. Graciñas Imelda.
E chega a hora da cabeza de cartel do primeiro día do festival: The Hives. Fieis a súa esencia os suecos saíron a “romper coa pana” sendo claros e directos dende o principio. Rock and cheo de enerxía, de execución impecable e moita diversión. Todos e todas felices. Que máis queredes?
Os ingleses The Adicts facían unha parada no Azkena Rock na súa xira de despedida. E alí estábamos para dicir adeus. A estética da banda inspirada na “naranja metálica” o despregue exaxerado de confetis e da mestura de diversión e caos puxeron fin a case 50 anos de punk rock. Adictos para sempre.
Remataba unha primeira xornada moi típica na historia do festival en canto a bandas e tamén moi intensa. Tocaba descansar para coller vano para o venres. Unha das características do Azkena Rock son as sesións vermús do venres e sábado na praza da Virxen Branca, en pleno centro da capital alavesa.
Nada máis chegar a esta praza toca rolda de saúdos con xente de Ourense, Pontevedra, Santiago, Coruña, Barcelona, Bilbao……..e como non, aos de Ponteareas , que somos uns cantos. Vitoria é galega por momentos.
A sesión vermú corre a cargo da banda de Toronto, Bitwater Call. Blues e rock sureño executado por músicos curtidos con toques de New Orleans. Boa proposta para acompañar o consumo moderado de zuritos e kalimotxos para contrarrestar a calor.
A cidade de Vitoria vólcase co festival. A prensa recolle diariamente na súas portadas fotos do festival. A hostalería “monta” nas súas terrazas e nas rúas concertos varios despois da sesión vermú e ata que empeza unha nova xornada en Mendizabala, zona onde se fai o festival. Unha cidade acolledora e respetuosa cos visitantes das “camisetas negras”, e das longas charlas de rock and roll.
O paseo sombrío, que se agracede, ata a explanada do festival é fermoso e tranquilizador. Pasamos por diante do Palacio de Ajuria Enea, residencia oficial do Lehendakari para pouco despois atoparnos xa na entrada do festival.
Empezamos coa banda de Hard Rock De Quebec, The Damn Truth, pasamos polos estadounidenses The Del Fuegos e caemos no escenario onde Los Enemigos estaban a piques de comezar. A banda de Josele Santiago atopábase feliz no escenario, consciente da repercusión de tocar neste festival, e facturaron un máis que notable concerto. A resiliencia, palabra de moda, da banda madrileña está funcionando a perfección. Pronto gozaremos deles en Ponteareas.
Parada corta coa banda sueca Hallas e directos para o escenario “respect” para ver a Old Crow Medicine Show, uns descoñecidos para nós. Sombreiros de comboy, botas camperas, cheiro a taberna e son de violíns con ritmos de folk e country que fan da música tradicional americana unha festa.
Vemos un pouco de “Sugar”, cansámonos rápido, e fomos lixeiros ao concerto dos californianos “Circle Jerks”. Pronto engánchanos a actitude do cantante Keith Morris e o público agradeceno co seus pogos o punk feroz e sen piedade. Divertido.
O máis bonito da música para min e descubrir a bandas novas. Esa cara que che queda despois de ver un bo concerto dunha banda descoñecida non hai cartos que o pague. E iso pasoume cos británicos “The Temperance Movement”. Cancións refinadas, espirales rítmicas e un frontman chamado Phil Campbell que abraza el hard/blues rock. Banda a seguir. Alice Cooper era a principal baza de este Azkena para moita xente. 78 anos contemplan a este home nado en Michigan no ano 1948. Rodeado dunha gran banda, o bo de Alice manexa os tempos como ninguén. Nun ambiente teatral/musical o concerto recreou as barracas de feira ambulante. O show repasa a dilatada carreira nos estilos de hard rock e glam rock. Rematou coa versión de Nirvana “Smells Like Teen Spirit” e antes pasou por uns acordes do muro de Pink Floyd.
Evaristo era para min o remate desta segunda xornada. Eran as dúas da madrugada e un xa arrastraba cansazo auditivo. Froito dos anos a conexión entre Evaristo e o público e notable. Nótase o cariño e sobre todo o respeto a unha carreira compartida durante moitos anos.
A esencia rebelde segue en pe e a crítica social mesturase por momentos co humor ácido. La Polla (Records). E chegamos ao sábado, o derradeiro día do festival. Comezamos na Virxen Branca con The Backyard Casasnovas, alemáns de Bonn. Boa elección para unha sesión vermú calorosa dunha banda blusera e rocanrolera. Bailes e suor para ir quecendo para a tarde.
O rematar este concerto, via crucis polos distintos locais esparcidos pola cidade que programan música en directo. A “devoción musical” que non falte. Chegamos a Mendizabala cos acordes da banda de Texas “B” para pasar despois polo punk rock dos Split Dogs ata chegar a banda de Atlanta “Starbenders”. Esta ultima foi tamén unha das sensacións do festival con boas cancións e actitude.
E chegamos ao forte da noite, tiñamos por diante dous concertos moi interesantes: Social Distortion e Jason Isbell & the 400 Unit. Os primeiros, cabeza do cartel, do sábado e baixo a chuvia deron un concerto dos máis tranquilos que presencien deles ata agora. Mike Ness, elegantemente vestido, conectou co público dende o principio sacou adiante un concerto máis melódico que de costume pero convincente coma sempre.
E quedaba para nós o último concerto, o máis esperado: a nosa estrea con Jason Isbell. E que pasada, que clase, que cancións, que marabilla de principio a fin, que conciertazo, que…… Recital brillante con duelos de guitarras para o recordo e cunha banda en xeral formidable. Un concerto para a historia do Azkena.
Para rematar destacar o perfecto son dos tres escenarios durante as tres xornadas. A zona Trashville, un reduto para as propostas musicais máis cavernícolas, explosivas e tolas, tamén a gozamos por momentos.
O dito: A AZKENA VAISE E PUNTO. Julio Mera.

