O Tríatlon Concello do Porriño volve este ano ao Porriño. Trátase dun evento organizado polo Concello do Porriño, coa colaboración de Tui e a FEGATRI, que conta cun padriño de excepción: Borja Gómez Méndez, recoñecido ciclista e triatleta con síndrome de Down, que é un referente na integración do deporte.
Durante a presentación, o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “é un orgullo presentar unha proba que une deporte, colaboración institucional e posta en valor do noso territorio”. Por outro lado, a proba poderá ter un máximo de 350 participantes, e o prazo remata este martes 9 de xuño.
O percorrido comezará en augas do Río Miño, con 750 metros de travesía a nado, que partirán da Comandancia Naval, onde xa todo está preparado, segundo explicou na presentación Víctor García Pozuelo, Comandante Naval do Miño. Seguirá en bicicleta os 20,2 quilómetros que separan Tui do Porriño e rematará a pé, con 5 quilómetros de circuíto urbano pedestre. A meta estará no centro do Porriño, onde se agarda unha gran presenza de público para recibir aos deportistas.
Inscricións
Os atletas que aínda non formalizasen a súa alta deben facelo hoxe, xa que o prazo de inscrición, aberto dende o pasado 14 de maio, péchase definitivamente este martes 9 de xuño.
Baixo o lema “Atrévete a vivir a aventura”, a competición arrancará o domingo 14 de xuño ás 11:30 horas cun esixente e vistoso percorrido en liña que conectará ambas as dous localidades a través das tres disciplinas.

