O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, fixo chegar unha carta formal e un agasallo institucional ao Papa León XIV co obxectivo de convidalo oficialmente a visitar a vila. Fíxoo grazas á viaxe e colaboración da Asociación Discamino e Ángeles Costa Lomba, nai de Gerardo Fernández Costa, “Gerardiño”, que actuou como embaixadora do pobo do Porriño no Vaticano.
Segundo a propia Ángeles explicou despois ao rexedor, o Santo Padre “acolleu con gratitude o agasallo e sorriu, puxo cara de ilusión” .“Isto fainos gardar a esperanza de que o Santo Padre poida atopar un oco na súa axenda, quizais no vindeiro ano Xacobeo, para visitar O Porriño”, asegurou Lorenzo.
Esta invitación chega, de feito, logo de que recentes investigacións históricas levadas a cabo polo canónigo arquiveiro da Catedral de Tui, Avelino Bouzón Gallego, confirmen que os antepasados maternos do Santo Padre proceden, precisamente, da parroquia porriñesa de San Salvador de Torneiros: Benito Bastos Lorenzo, bautizado no Porriño o 1 de decembro de 1639.
Na misiva enviada ao Papa, Alejandro Lorenzo trasladoulle o “orgullo inmenso” que supón para os porriñeses saber que comparten unha orixe común, engadindo que “sería unha inmensa dita poder recibilo na nosa terra para que poida coñecer de preto as orixes da súa familia e o cariño da nosa xente”. Xunto á misiva, o Papa recibiu en nome da cidadanía do Porriño un monolito de pedra Rosa Porriño “como material que define a identidade porriñesa, xa que representa a fortaleza dun pobo traballador e humilde”, e na que vai gravada a imaxe do arquitecto Antonio Palacios, outro insigne porriñés, e a vieira do Xacobeo, así como o punto quilométrico 100 do Camiño Portugués, símbolo do orgullo do Porriño como lugar de acollida de peregrinos. Tamén o escudo do Concello, que reflicte a súa historia e tradicións.
O Goberno local agarda que o Papa León XIV poida valorar esta proposta de cara ao próximo Ano Santo Xacobeo en 2027, o que suporía un fito histórico inesquecible para toda a comarca da Louriña.
Tras ver o vídeo da entrega, Lorenzo, lembrou con especial gratitude e emoción a figura de Gerardo Fernández Costa, “Gerardiño”, falecido recentemente aos 47 anos. O rexedor destacou que Gerardo, xordocego de nacemento, foi o gran impulsor e a alma de Discamino en 2009, cando cumpriu o seu soño de subir a un triciclo xunto a Javier Pitillas para realizar o Camiño de Santiago. “Agora, dende onde estea, fai posible que O Porriño chegue ao mismísimo Papa”, asegurou Lorenzo, agradecendo a asociación e en concreto a Ángeles Costa, a nai de Gerardinho a entrega. Destacou tamén “a gran labor de integración” que se segue a facer dende esta entidade.

