O Concello de Mos pon en marcha unha nova edición do programa “Mañás de Verán 2026”, unha iniciativa dirixida a facilitar a conciliación familiar e laboral durante as vacacións escolares ao tempo que ofrece aos nenos e nenas un espazo de lecer educativo, creativo e seguro.
O campamento está destinado a menores de entre 3 e 12 anos e desenvolverase nas instalacións do CEIP Mestre Martínez Alonso, en horario de 9:00 a 14:30 horas. Ademais, as familias poderán dispoñer de servizo de aula matinal de 8:00 a 9:00 horas e servizo de friameira de 14:30 a 15:30 horas.
O custo destes servizos complementarios será de 15 euros por semana ou 21 euros por quenda. No caso de familias nas que ambos proxenitores traballen e esta circunstancia quede debidamente xustificada, os servizos de aula matinal e friameira serán gratuítos.
As actividades desenvolveranse ao longo de distintas quendas entre os meses de xuño e setembro. A semana de xuño, do 22 ao 30, terá un prezo de 62 euros. As catro quendas principais, repartidas entre xullo e agosto, terán un custo de 98 euros cada unha, mentres que a semana de setembro, do 1 ao 8, manterá tamén un importe de 62 euros.
Durante o campamento, os participantes poderán gozar de obradoiros manuais, baile, xogos musicais, ximcanas, grandes xogos, actividades predeportivas, xogos de auga, teatro, animación á lectura, educación en valores, saídas polo entorno e actividades en inglés adaptadas por grupos de idade. Ademais, está prevista unha excursión en cada quenda dos meses de xullo e agosto.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 17 de xuño para a primeira semana e ata o 25 de xuño para o resto das quendas. As solicitudes poderán formalizarse tanto no Rexistro Xeral do Concello como a través da sede electrónica municipal. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Concello de Mos no teléfono 986 339 404 ou acudir á OMIX.


