Ponteareas dá un novo paso na innovación aplicada ao patrimonio cultural coa posta en marcha de “Caminar juntos”, un proxecto desenvolvido conxuntamente pola Universidade de Vigo, a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi e o Concello co obxectivo de facer máis accesible, inclusiva e participativa a experiencia do Corpus Christi.
A iniciativa, ideada polo ponteareán José Mera Cuevas, conta coa colaboración da Universidade de Vigo a través de Arno Formella, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e do doutorando Thiago Torres Castro. José Mera confesou que “este proxecto demostra que as ideas que nacen da xente deste pobo poden saír adiante cando contan con apoio e colaboración”.
A principal innovación consiste nunha audioguía sensorial intelixente que se activa automaticamente mediante balizas BLE distribuídas ao longo do percorrido das alfombras florais. Grazas a este sistema, as persoas usuarias reciben información contextual adaptada en formato audio ou texto, facilitando a orientación e a comprensión da historia, significado e valor artístico das alfombras.
Miguel García, presidente da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi, explicou que a aplicación “é o primeiro paso dun proxecto moito máis ambicioso baixo o nome de ‘Sentir o Corpus’, co que queremos avanzar na inclusión das persoas con discapacidade visual e auditiva e permitir que vivan a festa dunha forma máis completa e autónoma”.
Pola súa banda, Arno Formella destacou que a ferramenta “permite que a información chegue automaticamente ás persoas usuarias a medida que avanzan polo percorrido, ofrecendo unha experiencia máis accesible, autónoma e inclusiva”. O responsable universitario sinalou ademais que se trata dun prototipo actualmente dispoñible para dispositivos Android que continuará evolucionando en futuras fases.
O concelleiro de novas tecnoloxías, Cristian Montes detallou que “levamos anos traballando para achegar a innovación ás nosas tradicións. Comezamos co proxecto de ‘Corpus Dixital’, coa retransmisión en streaming da elaboración das alfombras florais. Este ano incorporamos a gravación 360º da celebración do Corpus, que permitirá desfrutar dunha experiencia inmersiva única. E agora presentamos esta aplicación. Este é só o primeiro paso e seguirase mellorando e incorporando progresivamente novas funcionalidades que permitan dar resposta ás necesidades de máis colectivos, facendo que a tecnoloxía sexa unha verdadeira ferramenta de inclusión e participación”.
A alcaldesa, Nava Castro, destacou que “esta aplicación é moito máis ca unha ferramenta tecnolóxica xa que permite abrir o Corpus a máis persoas, facelo máis inclusivo, máis accesible e máis humano”. A rexedora subliñou que o proxecto facilitará que persoas con discapacidade visual, auditiva ou cognitiva poidan achegarse ás alfombras florais dunha forma máis autónoma e enriquecedora e puxo esta iniciativa como exemplo da colaboración entre administracións, universidade, tecido asociativo e cidadanía para seguir consolidando un Corpus aberto, innovador e accesible.

