HomeNewsActualidadeDas tesoiras á pasarela: as alumnas de costura de Mos desfilarán este...

Das tesoiras á pasarela: as alumnas de costura de Mos desfilarán este sábado coas súas propias creacións

As alumnas do curso de costura do programa municipal “Tempo de Lecer” do Concello de Mos converteranse esta fin de semana nas protagonistas dun desfile moi especial que fusionará moda e historia nunha homenaxe á figura de María Vinyals, coñecida como a “derradeira herdeira” do Pazo de Mos.

O evento celebrarase o vindeiro sábado 30 de maio, ás 19:30 horas, nos xardíns do Pazo de Mos, nunha xornada presentada por Montse Martínez Muíños e aberta ao público.

As participantes do curso exhibirán as súas propias creacións, confeccionadas ao longo do ano, nun desfile na que elas mesmas farán a dobre función: deseñadoras e modelos.

O curso de costura “Tempo de Lecer”, no que participan 24 mulleres, converteuse xa en moito máis ca unha actividade formativa. Ademais de aprender novas técnicas de costura e confección, as alumnas atoparon neste espazo un punto de encontro marcado pola convivencia, a creatividade e a amizade.

“Estamos moi ilusionadas”, asegura Concha Crespo, alumna do curso, quen destaca o traballo realizado durante os últimos meses para preparar as pezas que agora verán a luz sobre a pasarela.

Chegado o momento, este sábado as alumnas mostrarán ao público as súas propostas de vestimenta, elaboradas artesanalmente e coidadas ata o máis mínimo detalle. O desfile busca poñer en valor non só o talento creativo das participantes, senón tamén o papel deste tipo de iniciativas como ferramentas de participación social, benestar e dinamización cultural.

A cita promete converter os xardíns do Pazo de Mos nun escenario único no que moda, patrimonio e emoción compartirán protagonismo nunha noite moi especial. A maiores, ao remate, haberá petiscos para todas as persoas asistentes.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS