“Comercialización e marketing para os produtos do rural” é o título da iniciativa formativa que o próximo xoves, 21 de maio, se vai desenvolver no Espazo Sociocultural de Tui, na rúa Camilo José Cela, en Tui. A acción estará centrada nas novas ferramentas dixitais e estratexias de promoción e venda para proxectos vinculados ao medio rural.
A actividade, organizada por Galicia Suroeste co apoio do Concello de Tui, converterá á cidade nun punto de encontro para profesionais, emprendedores e persoas interesadas nun ámbito en pleno crecemento e cada vez máis estratéxico para o desenvolvemento económico do territorio.
A xornada ofrecerá formación especializada sobre creación de marca, deseño, ecommerce e marketing dixital aplicada aos produtos e servizos do rural, achegando coñecementos prácticos e exemplos reais de proxectos de éxito. Deste xeito, búscase dotar ás persoas participantes de ferramentas útiles para mellorar a comercialización, ampliar mercados e reforzar a presenza dixital das iniciativas locais.
O programa comezará ás 9.30 horas coa recepción das persoas participantes e a apertura institucional a cargo de representantes do Concello de Tui e Galicia Suroeste.
Na sesión da mañá, Noelia Estévez e Lara Díaz, do Estudo Desoños, impartirán o bloque “Marca, deseño e comercialización”. Abordarán cuestións como a creación dunha estratexia e plataforma de marca, o deseño da identidade visual, o desenvolvemento dunha tenda en liña, a experiencia de usuario e os aspectos clave do ecommerce, con análise de plataformas como Shopify, WooCommerce e PrestaShop. Ademais, presentaranse casos reais de proxectos do ámbito rural.
Xa pola tarde, Beatriz Losada e Marina Belloch, de MA Axencia, desenvolverán o módulo “Ferramentas de marketing dixital”, no que se tratarán cuestións como o plan de marketing dixital, a publicidade en redes e buscadores, o influencer marketing, as estratexias de fidelización e o uso de ferramentas como o emaimarketing ou WhatsApp Business.
A programación completarase cunha visita ás instalacións de Ideas Peregrinas, no centro histórico de Tui, da man de Mónica e Silvana Crisóstomo, CEOs deste proxecto de emprendemento local. As persoas interesadas poden inscribirse en galiciasuroeste.gal.

