O vindeiro domingo 10 de maio, ás 12.00 horas, o espazo Eido de Marga e Pepita, na parroquia de Cabreira (Salvaterra), converterase no escenario da presentación de Incidencia muller pedra, a obra da autora Avelina Pérez distinguida co Premio XXVII Álvaro Cunqueiro.
O acto contará coa presenza da propia escritora, que estará acompañada por X.M. Xespi e Iván Fernández nun encontro que achegará ao público os detalles desta peza recoñecida dentro da Biblioteca Dramática Galega.
A cita forma parte da programación do Festival Entreverbas e está organizada pola Iniciativa Cultural XANELA, coa colaboración da Libraría Lemos, Bodegas Señorío de Sobral e Cárnicas O Labrego.
Dende a organización destacan que esta presentación supón “unha oportunidade para achegarse á creación contemporánea galega e coñecer de primeira man unha obra premiada que destaca no panorama literario actual”.

