O Concello de Arbo vén de anunciar, un ano máis, a posta en marcha do servizo especial e gratuíto de transporte que operará durante os días de celebración da Festa da Lamprea os días 24, 25 e 26 de abril: o LampreaBus.
O servizo ten como principais obxectivos desconxestionar o tráfico rodado, facilitar o acceso aos distintos espazos do evento e promover un desprazamento sostible e seguro para todos os asistentes.
A gran novidade desta edición é a incorporación de Melgaço ao itinerario do “LampreaBus”, unha medida que nace dun compromiso adquirido polo alcalde de Arbo, Horacio Gil, co seu homólogo luso, nunha reunión mantida previamente.
“O obxectivo”, aseguran dende o Concello de Arbo, “é seguir impulsando o irmandamento entre ambos municipios veciños e promocionar conxuntamente as festas que definen a identidade do Miño”. Así, no municipio luso veciño o autobús fará parada na Estación de Autobuses e na Praza fronte á Camara Municipal.
A maiores, o “LampreaBus” garantirá a mobilidade interna percorrendo todas as parroquias do municipio de Arbo e conectando cos concellos limítrofes de A Cañiza, Crecente e As Neves.
O servizo iniciarase o venres 24 de abril e rematará na madrugada do domingo 26 de abril, con paradas aproximadamente cada hora.


