O Porriño acolle este venres e mañá sábado a XXXIII Feira de Oportunidades “Merca na Rúa”, organiazda pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR) en colaboración co Concello do Porriño.
A cita terá lugar os días 6 e 7 de marzo na zona peonil do municipio e converterá as rúas do centro da vila nun gran escaparate ao aire libre co obxectivo de dinamizar a actividade económica e apoiar o comercio de proximidade.
Durante dúas xornadas, os establecementos participantes sairán á rúa para ofrecer descontos especiais, produtos de tempada e oportunidades únicas, nun formato que permite achegar a oferta comercial á cidadanía nun ambiente aberto e participativo.
A feira desenvolverase en horario continuo de 10:00 a 21:00 horas tanto o venres como o sábado, facilitando así a asistencia de veciños e visitantes ao longo de toda a fin de semana.
Ademais da actividade comercial, o programa inclúe propostas de lecer pensadas para o público familiar. Haberá inchables para os máis pequenos o venres de 16:00 a 20:00 horas e o sábado de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, así como obradoiros infantís o venres e o sábado en horario de 17:00 a 19:00 horas.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “iniciativas como Merca na Rúa permiten fortalecer o comercio local, xerar movemento económico e converter o centro urbano nun espazo dinámico e atractivo. O comercio de proximidade é fundamental para a vida social e económica do municipio, e desde o Concello seguiremos apoiando todas aquelas accións que contribúan á súam promoción e consolidación”.

