Xoves, Marzo 5, 2026
HomeNewsActualidadeTeresa Portela será a pregoeira da Feira do Requeixo e Mel das...

Teresa Portela será a pregoeira da Feira do Requeixo e Mel das Neves

A deportista olímpica galega Teresa Portela será a pregoeira da XXXIII Feira do Requeixo e Mel das Neves, unha das citas gastronómicas e culturais máis emblemáticas do concello, que se celebrará o 3 e 4 de abril. Non entanto, a programación cultural, gastronómica e deportiva da feira botará a andar xa o 21 de marzo.

O pregón terá lugar o venres 3 de abril, ás 13:00 horas, coincidindo coa xornada central da Feira, que reunirá gastronomía, música, tradición e actividades para todos os públicos arredor dos dous produtos máis representativos da identidade local.

O alcalde de As Neves, José Manuel Alfonso, destacou que a elección de Teresa Portela como pregoeira “responde a valores que conectan plenamente co espírito da feira e coa identidade do concello”.

O rexedor sinalou que “Teresa Portela representa o esforzo, a constancia e a superación. É unha muller, deportista, nai e galega que leva o nome de Galicia por todo o mundo e que constitúe un exemplo inspirador para a nosa veciñanza, especialmente para a xente nova”.

Programación da feira

  • Sábado 21 de marzo: I Memorial Manuel Guitián de bádminton no pavillón municipal ás 10:00 horas.
  • Domingo 22 de marzo: Andaina “Mitos e crenzas do Termes” con saída ás 10:00 horas da praza do Concello.
  • Venres 27 de marzo: Showcooking con degustación no mercado municipal ás 11:00 horas.
  • Sábado 28 de marzo: Andaina do Requeixo con saída ás 10:00 horas do Pousadouro. Ás 19:00 horas, unha xornada sobre os retos da artesanía alimentaria galega con cata de produtos no mercado municipal.
  • Domingo 29 de marzo: Ás 17:00 horas, ofrenda floral das Mulleres do Requeixo en Cedeira.
  • Luns 30 de marzo: III Xornada sobre a vespa velutina ás 19:00 horas no CIPC de Taboexa
  • Martes 31 de marzo: Ás 18:00 horas, a degustación “Sabores con marxem” no mercado municipal e ás 19:00 horas, cata de meles de Galicia na Escola de San Cibrán de Ribarteme

A fin de semana grande desenvolverase o venres 3 e sábado 4 de abril, coa apertura oficial da Feira, o pregón, pasarrúas, actuacións musicais, animación infantil e concertos. Así, o día 3 incluirá actuacións de Laura Mariño & Band, a charanga Os Tamega e a orquestra Panama Band. O día 4 celebrarase a III Exposición da Camelia, ás 11:30 horas no mercado municipal; o III Certame de Música Tradicional Transfronteiriza, ás 16:30 horas, actividades infantís e as actuacións do grupo 2Tipos, da charanga A Sorcha e da orquestra Charleston Big Band.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS