Galicia supera por segundo ano consecutivo os 8 millóns de turistas aloxados en establecementos da comunidade. Segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística referentes a establecementos extra hoteleiros, o número de visitantes en 2025 pechouse cun rexistro global de 8,8 millóns de persoas, isto é un 7,3% máis que no ano 2024, cando se rexistraron 8,2 millóns de turistas.
Deste total, 7,3 millóns de visitantes aloxáronse en establecementos hoteleiros e extrahoteleiros de Galicia, rexistrando un incremento do 2,4%. O número de noites superou os 13,5 millóns, un 2% máis que en 2024. Os hoteis e pensións ingresaron o pasado ano máis de 451,2 millóns de euros, un 5,2% máis que en 2024. A rendibilidade do sector incrementouse en 2025 o 7% con respecto ao ano anterior.
Ao número de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros e extrahoteleiro súmanse os que fixeron noite en vivendas de uso turístico e elevan o cómputo global aos 8,8 millóns de visitantes.
Por tipo de establecementos, os viaxeiros aloxados en hoteis e pensións medraron en 2025 un 1,8%, mentres que os que o fixeron en cámpings, turismo rural, e albergues, entre outros fixérono nun 4%.
Neste período, o 71% da demanda coresponde ao turismo de ámbito nacional, que engloba o dos residentes en Galicia, 24%, e o procedente doutras comunidades que se sitúa no 47%. O turismo internacional absorbe en 2025 o 29% da demanda turística.
En cifras globais, o mercado nacional computa 6,4 millóns de noites, cifra que alcanza o seu máximo histórica na serie de rexistros mentres que o internacional achégase aos 4 millóns de noites e o interno -dos residentes en Galicia- sitúase nos 3,2 millóns de noites.
Deste xeito, o número de noites do turismo nacional increméntase o 3% dos residentes en Galicia, o 1,5% dos procedentes doutras autonomías e o 1,9% do mercado internacional con respecto aos valores de 2024.
O INE tamén fixo públicos os datos de ocupación do pasado mes de decembro. En concreto, 319.023 viaxeiros aloxáronse en establecementos hoteleiros e extrahoteleiros da comunidade, isto é un 4,2% máis que en decembro de 2024. O número de noites foi de 578.191, que se traduce nunha suba do 5%.

