Venres, Xaneiro 23, 2026
HomeActualidadeDeportesÁlvaro Núñez, no rádar do Celta

Álvaro Núñez, no rádar do Celta

O equipo celeste, xunto ao Valencia, interesados no lateral do Elche CF

Álvaro Núñez está a converterse nunha peza valorada na Primeira División. Segundo informacións de El Correo nas últimas datas Celta e Valencia amosaron interese pola situación do lateral dereito do Elche CF neste mesmo mercado invernal. Tentativas ás que o equipo ilicitano contestou, polo de agora, coa mesma resposta: non hai intención de deixalo sair no curto prazo.

O bilbaíno de 25 anos presentouse na presente campaña coma un dos xogadores chave no Elche de Éder Sarabia. Titular indiscutible no lateral dereito (19 partidos xogados), aínda que tamén con participacións no carril esquerdo e en posicións interiores ao longo do ano. Un obxectivo lóxico por parte doutros equipos polo seu notable rendemento, versatilidade e condicións ofensivas, ademais da súa situación de mercado: o contrato de Álvaro Núñez vence ao término desta tempada. Se ben conta cunha cláusula de renovación automática por partidos xogados que podería ampliar un ano máis o seu vínculo co equipo ilicitano, os custos e posibles aboamentos por un traspaso no futuro seguirían a ser asequibles en relación cos de futbolistas con contratos máis longos.

No caso do Celta, resulta de interese esta noticia ao relacionarse coa incertidume sobre o futuro de Óscar Mingueza. Xogador do mesmo posto e de características semellantes ao vasco, que atravesa unha situación contractual semellante e que ten conversas avanzadas para incorporarse á Juventus de Turín tras cumprir co seu contrato cos celestes e quedar libre no próximo verán.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS