Citada a declarar en calidade de investigada á concelleira de Seguridade e Festas do Concello da cidade, Patricia Rodríguez Calviño, polo caso do accidente mortal da atracción Saltamontes, ocorrido en Vigo no verán do 2024, e no que faleceu un home.
Ademais, a xuíza cita tamén como investigados ao xefe da área de Seguridade e Mobilidade do Concello, así como ao perito que realizou a inspección ou revisión anual da atracción.
A práctica desta dilixencia está programada para o vindeiro 3 de febreiro e os tres investigados declararán ás 10:30, ás 11 e ás 11:30 horas, respectivamente.
Na causa foron imputados o propietario da atracción e o que, entón, era o presidente da comisión de festas de Matamá, onde ocorreron os feitos.
A citación da concelleira Patricia Rodríguez Calviño fora denegada pola maxistrada cando a pediron os pais da vítima, e tamén pola Audiencia Provincial, pero agora a xuíza decidiu atender esa solicitude.

