Xoves, Xaneiro 22, 2026
HomeNewsActualidadeO Goberno activa en Fase de Alerta o Plan Invernal de Estradas en...

O Goberno activa en Fase de Alerta o Plan Invernal de Estradas en Galicia

A Delegación do Goberno en Galicia vén de activar na súa fase de Alerta o Plan Invernal na Rede de Estradas do Estado das catro provincias galegas. Esta medida adóptase diante das predicións emitidas pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) e irase actualizando en función dos partes meteorolóxicos que emita AEMET nos próximos días, “xa que é previsible que a situación vaia empeorando conforme avancen as horas”, segundo informa a Delegación nun comunicado.

En concreto, a AEMET emitiu un aviso de nivel laranxa a partir da medianoite de hoxe ata a medianoite de mañá por importantes acumulacións de neve nas montañas de Lugo e Ourense e no interior da provincia de Pontevedra. Este aviso diminúe a amarelo no resto da provincia de Lugo (excepto A Mariña), así como  no Miño, en Ourense, e interior da provincia de Pontevedra. En todo caso, dado  que as previsións apuntan a un empeoramento da situación, a Delegación  activa a fase de alerta no conxunto da Comunidade e pide á poboación que  consulte as fontes oficiais antes de calquera desprazamento ou actividade  no exterior.

Todos os recursos 

A Delegación do Goberno, de acordo co Protocolo de Coordinación de  Actuacións, mobiliza todos os recursos dispoñibles en Galicia para neutralizar os efectos que provoquen o frío e a neve nas estradas. Para iso  notificou esta previsión aos organismos implicados en materia de vialidade e tráfico do Estado (Demarcación de Estradas, Garda Civil e Centro de  Xestión de Tráfico do Noroeste-Cantábrico), así como ao resto de  administracións. O obxectivo fundamental da activación é garantir a máxima  fluidez posible de tráfico mantendo as infraestruturas de transporte de  competencia estatal en condicións de uso.  

A Delegación do Goberno lembra que que, para esta campaña, “os medios do Ministerio de Transportes e  Mobilidade Sostible contemplan máis de 450 profesionais, 103 máquinas  quitaneves, 20.000 toneladas de sal e máis de 3.257.000 de litros de salmoira en  Galicia”. 

Recomendacións 

A Delegación do Goberno lembra que as medidas xerais de protección a adoptar diante un temporal de neve e frío son: 

Se se vai a viaxar:

• Solicitar información previa do estado das estradas e da situación  meteorolóxica. 

• Evitar a viaxe en coche sempre que non sexa necesario e utilizar, se é  posible, transporte público. 

• En caso de ser imprescindible a utilización do vehículo, revisar  pneumáticos, anticongelante e freos. Ademais, hai que ter a precaución  de encher o depósito ou manter carga suficiente nas baterías, e levar  cadeas e elementos de abrigo. 

• Así mesmo, é recomendable levar un teléfono móbil e dispositivo de  alimentación do mesmo. 

• Ir moi atento para ter especial coidado coas placas de xeo. É difícil  determinar en que lugar do traxecto poden formarse, aínda que  xeralmente as zonas de sombría son as máis habituais. 

Se queda atrapado pola neve:

• Debe permanecer no coche, se o temporal lle sorprende dentro do  mesmo. 

• Así mesmo, é conveniente manter o motor do vehículo aceso e a  calefacción posta, coidando renovar cada certo tempo o aire. É moi  importante evitar quedar durmido. 

• Nos vehículos de combustión, comprobar que se mantén libre, en todo  momento, a saída do tubo de escape para que o fume non penetre no  coche. 

• Se é posible, tente sintonizar as emisoras de radio, que seguramente lle  informarán das predicións meteorolóxicas, as informacións oficiais sobre  o estado da situación e as indicacións que se dean respecto diso. 

• Se ten acceso a rede móbil, consultar as redes sociais dos organismos  oficiais e forzas de seguridade así como as de medios contrastados. 

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS