A circulación ferroviaria de Rodalies en Cataluña foi suspendida na súa totalidade tras un grave accidente ocorrido na liña R4, á altura de Gelida (Barcelona). O sinistro produciuse cando un muro de contención se desprendeu sobre as vías entre Gelida e Martorell, xusto no momento no que pasaba un tren con destino Barcelona.
Como consecuencia do descarrilamento, faleceu o maquinista do convoy, rexistráronse cinco persoas feridas de gravidade e 37 máis con feridas leves. Segundo as primeiras investigacións, a inestabilidade do terreo provocada polas intensas choivas sería a causa principal do desprendemento.
O aviso foi recibido polos Bombers da Generalitat ás 21:01 horas, que desprazaron á zona unhas 30 dotacións. Os efectivos estableceron un perímetro de seguridade para evitar novos derrubamentos e traballan no lugar equipos especializados como o Grup d’Estructures Col·lapsades (GREC) e o Grup d’Actuacions Especials (GRAE). Foi necesaria a excarceración dunha persoa atrapada no interior do tren.
Pola súa banda, o Servizo de Emerxencias Médicas (SEM) mobilizou 20 ambulancias, que continúan atendendo ás persoas afectadas polo accidente. Ademais, activouse o plan Ferrocat en fase de alerta, coordinando a resposta dos distintos servizos de emerxencia.

