martes, enero 20, 2026
InicioNewsO Tribunal de Instancia de Noia acorda o arquivo da causa da...

O Tribunal de Instancia de Noia acorda o arquivo da causa da vertedura de pellets do 2023

A xuíza do Tribunal de Instancia de Noia, praza 2, acorda o sobresemento definitivo da causa na que se investigou as posibles responsabilidades penais derivadas da vertedura de pellets do buque Tocomao, en decembro de 2023. Tras a práctica das dilixencias de instrución que se consideraron pertinentes, e tendo en conta o contido de toda a proba documental, a instrutora conclúe que “non se pode inferir a existencia de ilícito penal algún, sen que pase, no seu caso, do ámbito dunha posible infracción administrativa”.

No auto, explica que o informe presentado pola Dirección Xeral da Garda Civil, Xefatura do Seprona, conclúe que, dadas as condicións meteorolóxicas no momento de producirse a perda, xunto cos indicios relativos á navegabilidade do buque e o modo de proceder do capitán, así como do resto da tripulación, “a caída pola borda dos seis contedores foi consecuencia dun golpe ao buque pola ondada ao seu lado de babor, cumpríndose os protocolos de carga por parte da empresa operadora, sen que se producira irregularidade algunha que ocasionase a caída dos contedores”.

No auto, a xuíza indica que devandito informe presentado pola Garda Civil, tras unha análise exhaustiva, inclúe, entre outra documentación de relevancia, o informe achegado polo Centro de Coordinación de Vixilancia Marítima de Costas e Fronteiras, información achegada polo armador e a empresa fretadora, informes do Instituto Tecnolóxico para Control do Medio Mariño de Galicia e o informe pericial da Unidade Técnica da Fiscalía de Medio Ambiente e da Unidade Técnica do Seprona.

En relación coa toxicidade da vertedura e a súa afección ambiental, de acordo co informe pericial, a instrutora salienta que “da análise dos pellets recollidos nas costas afectadas non se revela toxicidade ou concentración de substancias tóxicas na súa composición, de modo que non se prevé un impacto significativo a medio ou longo prazo ocasionado por vertedura de pellets en relación co impacto do resto de microplásticos presentes na contorna marítima”.

Á súa vez, recalca que, da análise realizada polo CETIM Technologicas Centre das mostras do material recollido polo persoal da Xunta para coñecer con detalle a composición dos materiais vertidos, determínase “que non é unha substancia ou mestura perigosa”.

Por último, e en canto á afección dos espazos protexidos, a xuíza destaca que se conclúe, dos informes remitidos pola Xunta e a Unidade de Medio Ambiente da Fiscalía Xeral do Estado, “que os escasos restos de pellets atopados nas zonas protexidas non produciron dano no ecosistema dunar das lagoas de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixan, así como que tampouco se produciron danos que poidan prexudicar á biodervisidade nin ao ecosistema do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia”.

Por todo iso, determina que “non se produciu unha infracción das leis e outras disposicións de carácter xeral protectoras do medio ambiente, suficientes para xustificar a intervención da vía penal”. Ao que engade que, de acordo co resultado da análise dos pellets recollidos nas costas galegas, tampouco hai indicios de que “a conduta típica puidese prexudicar gravemente a calidade do aire, do chan ou das augas, animais ou plantas, o equilibrio do sistemas naturais, ou que se causara un risco de grave prexuízo para a saúde das persoas”. 

O auto non é firme, pois cabe presentar recurso ante a Audiencia Provincial da Coruña.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS