O BNG vén de rexeitar na Comisión Executiva da Fegamp a proposta trasladada polo Goberno do PP para o financiamento do Servizo de Atención no Fogar (SAF) por considerala «totalmente insuficiente ao nin tan sequera achegarse a cubrir o prezo real do custe do servizo».
A oferta realizada pola Consellería de Servizos Sociais suporía pasar dos 12 euros/hora que reciben actualmente os concellos a só 16 este ano, 17 o próximo ano e a 18 euros en 2028, unha proposta «moi afastada do custe do servizo, que se sitúa xa hoxe en día nos 24 euros/hora -prezo promedio das últimas licitacións- e que, ademais, é practicamente similar, con apenas un lixeiro incremento, á que o departamento autonómico xa realizara anteriormente para o mesmo período 2026-2028″.
O vicepresidente segundo da Fegamp e alcalde de San Sadurniño, Secundino García, explicou que o BNG xa ten manifestado que “todo o que non sexa achegarse ao prezo real do custe da prestación do servizo” non o avalaría, xa que “sería recoñecer que os concellos temos que sufragar parte do custo dun recurso que a lei di que teñen que pagar entre o Estado e as comunidades autónomas”.
Neste sentido, recordou que, «pese a que o financiamento do SAF corresponde a Xunta e Goberno central, a realidade é que, actualmente, os municipios veñen asumindo arredor do 50% dos custes do servizo, o que está afogando aos concellos e prexudicando ás persoas dependentes, que teñen dereito a vivir nas súas casas cos apoios que precisan».
Aposta por 20 euros á hora para este 2026
Por iso, o BNG mantivo na Comisión Executiva da Fegamp celebrada hoxe a súa posición, que pasa por que a Xunta aboe aos municipios 17 euros/hora con carácter retroactivo desde xaneiro de 2025, 20 euros/hora neste 2026 e asuma o 100% dos custes ao final dos mandatos municipais en 2027.
“Que Xunta e Estado cubran o 100% dos custes até que asuman o servizo como un instrumento de benestar social, a través da creación dun Sergas dos servizos sociais”, afondou García, en alusión á proposta do Bloque para crear un organismo similar ao Servizo Galego de Saúde que permita atender de xeito integral e eficiente ás persoas dependentes.
A organización nacionalista criticou o apoio tanto de PP como de PSdeG na Executiva da Fegamp á proposta do Executivo de Alfonso Rueda baixo o pretexto de que, de non aceptala, continuaríase cos actuais 12 euros/hora de financiamento.
“Isto non é serio, a Xunta pode subir o prezo hora unilateralmente cando queira, co aval ou non da Fegamp”, advertiu, para concluír a continuación que “esta desculpa é unicamente unha chantaxe aos concellos para que lles deamos un cheque en branco e para desbaratar calquera discurso político que cuestione a política da Xunta a respecto do financiamento do SAF”.

